A Xunta investirá no CHUAC máis de 800.000 euros en equipos de dispensación de fármacos

Con este investimento dedicado a reforzar o equipamento dos centros sanitarios, adxudicáronse contratos por máis de 5 millóns de euros para equipar os espazos da fase 0 do CHUAC, que xunto cos 13 millóns de investimento suman xa 20 millóns

A adquisición deste equipamento está financiado ao 100% pola Unión Europea no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia de COVID-19
 

A Coruña, 17 de agosto de 2023 A Xunta acaba de autorizar a adquisición de equipos de dispensación de fármacos para as zonas novas do CHUAC que se están a pór en marcha coa fase 0, hospitalización, UCI, urxencias, hospitais de día e a propia farmacia hospitalaria. O importe total desta compra ascende a 896.610 euros. 

A presente contratación responde á necesidade de proporcionar unha adecuada cobertura sanitaria á poboación da área de referencia da Coruña e Cee, mellorando a asistencia sanitaria coa adquisición do equipamento necesario para a posta en marcha e funcionamento dos servizos sanitarios vencellados á fase 0 do plan funcional e espazos do Hospital Universitario da Coruña. 

O devandito equipamento consiste en sistemas de dispensación automática de medicamentos que posibilitan un control extremadamente preciso do stock dos produtos nos diferentes servizos hospitalarios, na farmacia do hospital e/o nos almacéns de cada andar onde estean situados. 

Adicionalmente, a farmacia do Hospital Universitario da Coruña dotarase cun sistema automatizado de xestión de reposición por RFID. A implantación desta tecnoloxía é básica e fundamental para obter a rastrexabilidade do produto, xestionar de forma eficiente e en tempo real o stock e maior almacenamento de datos e información. 

Convén destacar a súa alta funcionalidade na optimización dos recursos, xa que se trata dun sistema pechado que dispensa unicamente as medicinas receitadas a cada paciente, o que elimina gastos innecesarios e aumenta a seguridade ao evitar erros de dispensación. Ademais, ofrece outras vantaxes como deixar ao persoal máis tempo para concentrarse na atención ao paciente e a posibilidade de controlar en tempo real os niveis de inventario. 

 

Data de actualización: 17/08/2023