A primeira edición do programa Xuventude Mentoring na empresa contará coa participación de nove entidades privadas sen ámimo de lucro e tres concellos

O obxectivo é facilitar a persoas mozas de 18 a 30 anos estadías formativas de ata tres meses en empresas que melloren a súa capacidade profesional e empregabilidade

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a relación das nove entidades privadas sen ánimo de lucro e da agrupación de concellos formada por Camariñas, Muxía e Vimianzo que participarán na primeira edición do programa Xuventude Mentoring na empresa. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a mozas e mozos estadías formativas de ata tres meses en empresas ou entidades públicas ou privadas vinculadas a sectores económicos estratéxicos en Galicia e que melloren as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral. 

O Xuventude Mentoring na empresa ten como finalidade reforzar tanto a empregabilidade como as habilidades e competencias profesionais de xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Esta proposta está financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020. 

As propostas beneficiadas das achegas deben contar cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas mozas participantes e a estadía formativa destas será de ata tres meses consecutivos, cunha duración mínima de 100 horas ao mes e un mínimo de catro días á semana. O importe máximo da subvención que se concede a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto formativo é de 120.000 euros.  

Bolsas de formación en sectores estratéxicos

Na achega inclúese unha bolsa de formación por mozo participante dun mínimo de 630 euros mensuais, que se poderán incrementar en 100 euros por custos de desprazamento e outros 100 para os mozos cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Así mesmo, as persoas participantes contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego cun mínimo de 20 horas lectivas e cun titor encargado do seguimento da súa estadía.

As empresas ou entidades públicas ou privadas en que se realicen as estadías formativas deberán ser galegas ou ter centros de traballo en Galicia, e estar vinculadas aos seguintes sectores económicos estratéxicos para a nosa comunidade: aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil/moda, tecnoloxías da información e da comunicación, e calidade de vida e benestar. 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2023