Máis de 11.300 profesionais do Sergas poderán acceder a un novo grao de carreira profesional na convocatoria do ano 2023

O recoñecemento do complemento retributivo de carreira profesional súmase aos incrementos froito do acordo recentemente publicado e que se fai efectivo na nómina de agosto

Nesta convocatoria, destacan o acceso do persoal residente en formación como especialista no seu último ano, así como o impulso á carreira do persoal médico de familia

Esta é a quinta convocatoria de carreira, que levará a ter máis de 30.000 profesionais con complementos retributivos ligados á carreira profesional

A carreira ordinaria progresa dende o grao inicial aos graos I a IV

Ábrese un novo acceso excepcional para graos I e II

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se convoca o procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV de carreira profesional correspondente ao ano 2023 e se tramita un procedemento extraordinario de acceso ao grao II dirixido ao persoal estatutario temporal. En total, como consecuencia desta Resolución, máis 11.300 profesionais do Sergas poderán solicitar un novo grao de carreira profesional.

A Xunta de Galicia dedicará 17,5 millóns de euros a abonar o complemento retributivo ligado a novos graos de carreira profesional para 11.300 profesionais en 2024. Así, 7.500 alcanzaron o grao 1 no ano en curso e acadarán o 2 no 2024. Cada grao en licenciados son case 300 euros ao mes. Esta suba engádese ao acordo retributivo que se aplica xa na nómina de agosto, logo de aprobalo a Xunta no mes de xuño.

 

O prazo de solicitude abrirase mañá no expediente electrónico FIDES, onde constan rexistrados a maior parte dos méritos da carreira profesional, sendo un proceso maioritariamente automatizado.

A avaliación dos méritos realizase polos comités de avaliación de cada área sanitaria de Galicia, de primaria e hospital (polo momento hai un en cada área) e cada entidade vinculada, como 061, ADOS, Galaria ou ACIS.

Entre as novidades desta convocatoria destaca que, por primeira vez, o persoal residente en formación como especialista (MIR) poderán solicitar o acceso ao grao inicial nos últimos anos do seu período formativo, medida que afecta a 243 profesionais que inician así a carreira profesional en Galicia. Así, tamén, prémiase o labor de titoría en médicos de familia, reducindo o período de permanencia, e o persoal que accedeu a prazas de médico especialista de atención primaria por concurso de méritos, que terá un acceso ao grao 1 con 3 anos de permanencia en lugar de 5.

A actual convocatoria levará a que máis de 11.000 profesionais terán un recoñecemento de carreira nos distintos graos. Cada grao supón 3.345,36 euros anuais para persoal licenciado sanitario e 2.039,88 para persoal de enfermería.

Ademais da convocatoria dun procedemento ordinario para acceso aos graos I a IV, según cada traxectoria profesional, a convocatoria recolle un novo procedemento extraordinario de acceso aos graos I e II (dirixido ao persoal estatutario temporal). O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro do 2023.

Procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV

Esta é a quinta convocatoria de carreira profesional. Esta convocatoria ordinaria está destinada a acadar os Graos I a IV da carreira profesional, unha vez superados os puntos por méritos recollidos nos baremos establecidos, segundo o grupo de titulación.

Neste senso, poderán progresar ao seu primeiro grao de carreira profesional preto de 3.000 traballadores do Sergas, dos que o 40 % son licenciados sanitarios, 41 % diplomados sanitarios e técnicos de FP, e 19 % son persoal de xestión e servizos. O pago do complemento de carreira que se recoñeza nesta convocatoria producirase con efectos do 1 de xaneiro de 2024.

Aplicaranse, tamén, avaliacións sobre competencias persoais, en base a enquisas que estarán dispoñibles a partir do mes de novembro de 2023. Serán autoavaliacións, avaliacións polo mando e avaliación por tres compañeiros.

Cómpre remarcar que o sistema de carreira profesional recoñece a traxectoria profesional a través da avaliación de diferentes méritos, impulsando a participación dos persoal ao longo da súa vida laboral, nos diferentes obxectivos de mellora da organización, así como tamén a súa cualificación e competencia, o que redunda na calidade asistencial e na mellora permanente das prestacións sanitarias públicas.

O baremo ordinario que se aplica é froito do consenso, e supón un importante cambio respecto ao que se aplica no réxime extraordinario. Os baremos divídense en 4 grandes áreas: Actividade asistencial/profesional; Competencias asistenciais/profesionais; Formación, Docencia, Investigación e Innovación; e Implicación e compromiso coa organización.

Procedemento extraordinario inmediato dos grao I e II

No que atinxe ao encadramento excepcional no Grao II, poderán participar nesta convocatoria o persoal estatutario temporal que acadou o Grao I en 2022 e que cumpra os requisitos, así como tamén o persoal fixo que accedeu ao Grao I na convocatoria do ano 2018, e que era temporal antes do 31 de decembro de 2011. Os méritos a ter en conta son as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 30 de setembro de 2023. En canto aos obxectivos asistenciais para persoal licenciado sanitario computarán ata 2022.

Esta medida beneficiará a preto de 8.000 profesionais, representando unha suba media do 12 % nos salarios anuais, comezando esta incremento salarial progresivo en xaneiro do ano 2024.

Por outra banda, no referido ao acceso ao Grao I, poderán participar nesta convocatoria todos aqueles profesionais que non acadaron o devandito grao na convocatoria do ano 2022. Esta medida beneficiará a máis de 800 profesionais.

O Sergas está a traballar nun aplicativo informático que permitirá a cada profesional poder facer un seguimento individual do seu progreso na carreira profesional, e que se vinculará coa actividade asistencial, as competencias profesionais mediante mapas por colectivos, así como os outros méritos de formación, docencia, investigación e innovación, xunto co compromiso coa organización, situando ao Sergas na vangarda das tecnoloxías da información no ámbito da carreira profesional, e permitindo ao persoal facer a súa traxectoria profesional no Sergas.

Ademais da carreira profesional, o persoal do Servizo Galego de Saúde ten vantaxes na promoción interna, con acceso a outras categorías profesionais mediante prazas reservadas, así tamén acceso a prazas de xefatura, cambios a través de concurso de traslados e mobilidade en diversos postos dentro dos hospitais e as áreas, cun amplo abano de posibilidades profesionais, ás que se suma a carreira profesional con esta nova convocatoria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/08/2023