A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras da torre polivalente do novo hospital público da Coruña, que suporán un investimento de máis de 35 millóns de euros

O obxectivo é comezar este ano as obras, que terán un prazo de execución de 18 meses

A Torre Polivalente, coa que dará comezo a construción do Novo CHUAC, será o punto desde o que se administrará todo o complexo e o nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada

Os niveis 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 para as instalacións de xestión e laboratorio; 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doente, con 14 habitacións; e o 15 para instalacións de clima

A Xunta tamén licitou a redacción do proxecto e a execución do viario perimetral e os accesos, e a demolición do Hotel de Doentes, cuxo espazo é necesario para os accesos

O Novo CHUAC é unha actuación complexa e ambiciosa, cun investimento de 500 millóns de euros para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023

A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras da Torre Polivalente do Novo Hospital Público da Coruña, que suporán un investimento de máis de 35 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé poder comezar estas actuacións este mesmo ano, cun prazo de 18 meses.

Trátase da primeira obra coa que dará comezo a construción do Novo CHUAC. A Torre Polivalente será o punto desde o que se administrará todo o complexo e tamén o nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.

Este edificio situarase na parcela sen edificar ao carón do actual complexo, ocupando uns 4.500 m² en planta rectangular e albergando 12.300 m² de superficie construída, un total de 8.260 m² de superficie útil distribuída en 16 andares, 3 deles baixo rasante.

De xeito máis concreto, o nivel 0 a 2 serán para instalacións; o 3 será para informática; os 4 a 6 para accesos; os 7 a 12 centralizarán as instalacións de xestión, administración e laboratorio; o 13 e 14 destinaranse a Hotel de Doente, con 14 habitacións; e o 15 destinarase ás instalacións de clima.

A Torre disporá de dous accesos para garantir unha mellor funcionalidade: unha entrada para os usuarios do Hotel de Doentes e persoal administrativo, cunha zona cuberta que conformará un gran soportal de acceso; e outra entrada para persoal sanitario, en cuxo exterior se disporá unha praza de uso público e zonas verdes.

Este edificio executarase cun sistema construtivo que se poida adaptar ás novas necesidades; seguindo criterios de eficiencia enerxética, desde o punto de vista térmico, de iluminación e da xestión da auga, primando o baixo consumo con dispositivos de aforro; e empregando materiais de proximidade e reciclables.

A Xunta tamén licitou o contrato para a redacción do proxecto construtivo e a execución das obras do viario perimetral e os accesos a novo Hospital; así como a demolición do Hotel de Doentes, cuxo espazo é necesario para executar os novos accesos.

Todas estas intervencións forman parte dunha actuación complexa e ambiciosa que exixe un gran traballo e un investimento de 500 millóns de euros para garantir a atención sanitaria a máis de 500.000 pacientes.

Data de actualización: 17/08/2023