O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá aos nenos e nenas que participan nas actividades de conciliación familiar na piscina do concello da Peroxa

Gabriel Alén pon en valor os case 1,3 M€ que a Xunta destina a programas de igualdade e conciliación na provincia de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou o apoio do Goberno galego con 1.267.901,40 a 68 concellos da provincia de Ourense no desenvolvemento de programas orientados a favorecer a igualdade entre mulleres e homes, fomentar a conciliación e a corresponsabilidade e para financiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) como recursos de proximidade

Gabriel Alén destacou o compromiso da Xunta para manter o impulso da conciliación da vida persoal, laboral e familiar de galegas e galegos, e traballar desde o eido local na prevención da violencia de xénero e impulsar a igualdade a través dos CIMs

O delegado territorial quixo tamén poñer en valor as axudas da Xunta, máis de 290.000 euros, á contratación de 81 persoas sen emprego de 52 concellos da provincia de Ourense para desenvolver durante a campaña de verán labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas

Subliñou - representante do Goberno galego- que este tipo de iniciativas forman parte da prioridade da Xunta de incrementar as oportunidades laborais das galegas e galegos, sobre todo, daqueles que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral

Gabriel Alén aproveitou a visita para supervisar as obras de mellora nas que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, investiu preto de 64.000 euros no seu acondicionamento
 

Ourense, 16 de agosto de 2023

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou o apoio do Goberno galego con 1.267.901,40 a 68 concellos da provincia de Ourense no desenvolvemento de programas orientados a favorecer a igualdade entre mulleres e homes, fomentar a conciliación e a corresponsabilidade e para financiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) como recursos de proximidade.

Así o fixo esta mañá na visita aos nenos e nenas que participan nas actividades de conciliación familiar na piscina do concello da Peroxa, onde, acompañado do seu alcalde, Manuel Seoane, destacou o compromiso da Xunta de Galicia para manter o impulso da conciliación da vida persoal, laboral e familiar de galegas e galegos, e traballar desde o eido local na prevención da violencia de xénero e impulsar a igualdade a través dos CIMs xestionados polos concellos e distribuídos por toda a provincia.

Gabriel Alén aproveitou a visita para supervisar as obras de mellora que se executaron na piscina nas que o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, investiu preto de 64.000 euros no seu acondicionamento.

Apoio á conciliación

As accións dirixidas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local finánciase este ano a través do Plan Corresponsables e permitirán a posta en marcha de medidas de conciliación e a corresponsabilidade para familias con fillas e fillos menores de 16 anos. Darase prioridade aos fogares monoparentais, vítimas de violencia de xénero, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares con outras cargas relacionadas cos coidados.

As axudas máximas ás que optan as entidades locais son de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida. Recibirán financiación, tamén, as entidades locais para o deseño de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no eido dos coidados.

Financiación para os CIM e loita contra a violencia de xénero

A segunda liña de financiamento deste programa é a dirixida a apoiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia, unha rede composta na actualidade por 84 oficinas que dan cobertura a 193 concellos e atenden unha media de 9.500 mulleres cada ano. Invístense 4,3 millóns de euros a esta actuación para financiar os gastos das e dos profesionais destes centros que desenvolven postos laborais de dirección, asesoramento, xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

O delegado territorial explicou que, “con esta liña estamos a axudar aos concellos á financiación do persoal que traballa nestes centros con 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas”.

Estes apoios para financiar o funcionamento dos CIM, de titularidade municipal, súmanse ás axudas que o Goberno autonómico publicou por primeira vez este ano destinadas tamén ás entidades locais, para a mellora e rehabilitación do equipamento destes centros. Trátase de poñer en valor os CIM como recurso esencial na atención integral e de proximidade ás mulleres, nomeadamente, ás vítimas da violencia de xénero.

Gabriel Alén lembrou tamén que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ofrece achegas para a posta en marcha de accións, por parte dos concellos, para a promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero. Neste caso, as entidades locais poden recibir como máximo 15.000 euros no caso dunha solicitude individual e de 28.000 euros se é compartida entre varios municipios.

Axudas á contratación de persoas para labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas

O delegado territorial quixo tamén poñer en valor as axudas da Xunta, máis de 290.000 euros, á contratación de 81 persoas sen emprego de 52 concellos da provincia de Ourense para desenvolver durante a campaña de verán labores de vixilancia e seguridade en praias e outros espazos naturais ou en instalacións acuáticas.

“O obxectivo da actuación -manifestou o delegado territorial- é proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo”. Na totalidade de Galicia, estas axudas permitirán dar emprego nuns 180 concellos a 500 persoas sen emprego.

Gabriel Alén detallou que son beneficiarios deste programa, os concellos e as mancomunidades de concellos, os consorcios locais e as entidades locais menores, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos. A contía que percibirán as entidades beneficiarias irá destinada a sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, cos importes máximos recollidos na convocatoria de axudas.

Os traballadores e traballadoras contratadas son persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

O delegado territorial subliñou que este tipo de iniciativas forman parte da prioridade da Xunta de incrementar as oportunidades laborais das galegas e galegos, sobre todo, daqueles que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/08/2023