A Xunta destaca a posición de vantaxe de Galicia como destino para as competicións náuticas de primeiro nivel

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron na entrega de premios da 60ª Regata Rías Baixas que hoxe rematou en Vigo

Merelles puxo en valor o traballo do Club Náutico de Vigo á hora de situar ás Rías Baixas coma un dos epicentros do deporte da vela en España.
 

Vigo, 14 de agosto de 2023

Sesenta embarcacións tomaron parte nunha nova edición da Regata Rías Baixas, a competición máis veterana do calendario nacional que hoxe rematou en Vigo coa entrega dos seus premios, nun acto no que participaron, por parte da Xunta de Galicia, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, ademais da directora de Galicia Calidade, Ana Méndez, e doutras entidades como a Real Federación Galega de Vela (RFGV), a Comandancia Naval de Vigo ou o Real Club Náutico de Vigo, promotor da regata, entre outras.

En total, a competición contou con 600 participantes que hoxe se deron cita no Salón Nobre do Real Club Náutico de Vigo para a entrega dos 27 premios dunha competición que nesta edición cumpre 60 anos. A 60ª Regata Rías Baixas transcorreu en cinco etapas que permitiron que as embarcacións nas diferentes categorías sucaran as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, cos portos de Vigo, Combarro, Sanxenxo e a Pobra do Caramiñal como referencia.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia, fixo fincapé no apoio que a Xunta lle da a este tipo de competicións deportivas, permiten abrir ás portas da comunidade galega ás competicións náuticas de alto nivel.

“O traballo deste Club ten sido, sen dúbida, fundamental á hora de situar ás Rías Baixas coma un dos epicentros do deporte da vela en España, o cal se transmite tamén ao resto de Galicia e nos beneficia a todos os que estamos implicados na promoción deste deporte como recurso turístico”, asegurou ao tempo que lembrou que moitos participantes descobren as bondades o noso territorio como destino turístico despois de participar nestas competicións, “incluso o Camiño de Santiago, que ten en Vigo un dos seus portos xacobeos”.

 

Data de actualización: 14/08/2023