A Xunta adxudica por preto de 9,7M€ as obras de ampliación e mellora do funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Sada

O obxectivo é dotar á instalación municipal de capacidade para tratar os volumes de auga almacenados na rede, minimizar os problemas actuais de vertido en tempo de choiva e depurar todas as augas residuais xeradas no municipio nun escenario futuro

Esta intervención realizarase en dúas fases para garantir en todo momento o funcionamento da depuradora municipal

A Xunta executará e financiará integramente as obras marco dunha colaboración co Concello de Sada, que asumirá o mantemento e a conservación das novas instalacións
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar por preto de 9,7M€ as obras de ampliación da capacidade e de mellora do funcionamento da estación depuradora de augas residuais de Sada.

Este contrato, adxudicado á UTE Sociedad anónima de obras y servicios COPASA & PESA Medioambiente, SA, consta dun prazo de execución de 33 meses.

Trátase da contratación conxunta da redacción do proxecto e da execución das obras que permitirán adecuar a capacidade de tratamento da depuradora ás necesitades actuais do sistema de saneamento municipal.

O obxectivo é dotar á instalación hidráulica municipal de capacidade para tratar os volumes de auga almacenados na rede, minimizar os problemas actuais de vertido en tempo de choiva e depurar todas as augas residuais xeradas no municipio nun escenario futuro.

As obras, que se executarán na mesma parcela que ocupa a estación depuradora actual, incluirán os traballos previos necesarios para manter o servizo de depuración existente durante as dúas fases de construción previstas.

A primeira fase incluirá a instalación dunha nova arqueta de reparto aos pretratamentos, a construción dunha nova liña de pretratamento, a modificación do primeiro reactor para a súa conversión nun tratamento biolóxico de leito móbil, e reforma da liña de lamas.

Unha vez executadas estas infraestruturas, procederase á posta en marcha do proceso MBRR, pertencente á categoría de procesos biolóxicos usados no tratamento de augas residuais, e darase inicio á seguinte fase.

Na segunda fase, construirase a segunda liña de pretratamentos, procederase á reconversión do segundo reactor biolóxico a MBBR, á implantación de novos decantadores de tipo lamelar e á reforma final da liña de lodos. Tamén se inclúe a electricidade e automatismo.

Durante toda a execución das obras garantirase o funcionamento da planta de tratamento de augas residuais e ao remate procederase á demolición de todas as infraestruturas que queden fóra de servizo.

Con estas actuacións, a nova planta de tratamento de augas residuais de Sada quedará dimensionada para atender ás necesidades dunha poboación de 24.393 habitantes no ano horizonte 2044 e 6.070 habitantes equivalentes en achega industrial. Deste xeito, a depuradora deséñase para que poida tratar unha contaminación equivalente a máis de 30.000 persoas, para facer fronte ás necesidades de poboación fixa e estacional que reciba e da industria.

Esta intervención forma parte da colaboración entre a Xunta, que asume integramente o financiamento e execución das obras, e o Concello de Sada, que se compromete a recibir as obras e proceder ao seu mantemento e conservación das instalacións executadas.

Os traballos estarán cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Data de actualización: 14/08/2023