O conselleiro do Medio Rural e o alcalde de Boqueixón visitaron os traballos neste centro, adscrito á Xunta e que se sitúa no lugar de Quián

A Xunta destaca o bo ritmo de avance das obras no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude dentro do futuro Espello do Rural Galego

José González salientou que os labores permitirán poñer en funcionamento no vindeiro curso escolar a parte dedicada a comedor e cociñas, así como a residencia para os estudantes

Resaltou que tanto as antigas instalacións coma o novo edificio incorporarán unha fachada ventilada en madeira, dentro da aposta da Xunta por ese material renovable

Sinalou que con estes traballos a residencia elevará o seu número de prazas de 52 a 82, modernizando de xeito decidido as instalacións para os alumnos do CFEA, atendendo a criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética
 

Boqueixón (A Coruña), 14 de agosto de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, coñeceu os avances rexistrados nas obras da primeira fase de mellora e ampliación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no lugar de Quián e que está adscrito á Consellería.

O titular de Medio Rural salientou que as actuacións, que progresan a bo ritmo, permitirán poñer en funcionamento no vindeiro curso escolar a parte dedicada a comedor e cociñas, así como a residencia para os estudantes. Ao mesmo tempo, engadiu, estanse renovando as antigas instalacións e puxo en valor que tanto esa parte coma o novo edificio incorporarán unha fachada ventilada en madeira, dentro da aposta da Xunta por ese material renovable.

Sustentabilidade e eficiencia enerxética

Segundo explicou González, con estes traballos a residencia elevará o seu número de prazas de 52 a 82, modernizando de xeito decidido as instalacións para os alumnos do CFEA, atendendo a criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Poderase atender, deste xeito, a demanda existente para a residencia, en consonancia co interese que esperta a oferta regrada do Centro.

Cómpre lembrar que o CFEA de Sergude conta actualmente con máis de 130 alumnos de ciclos formativos, cursando o grao superior de Gandaría e asistencia en sanidade animal e o grao medio en Aproveitamento e conservación do medio natural, ambos en réxime ordinario presencial. Tamén o grao medio de Produción agropecuaria (tamén ordinario presencial) e o grao medio en Produción agroecolóxica (réxime modular de persoas adultas na modalidade presencial).

Con respecto ao conxunto do proxecto, o conselleiro recordou que o obxectivo é crear unha especie de espello do rural galego, un espazo que propicie unha visión global do que é o noso medio rural desde o punto de vista agropecuario, forestal ou hortofrutícola, comezando nunha primeira fase pola mellora das instalacións formativas e residenciais.

Así, o pazo de Quián e a súa contorna (que dispón dunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse no futuro nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos seus tres usos fundamentais: forestal, agrícola e gandeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2023