A Xunta apoia oito accións de axuda humanitaria cun orzamento de 550.000 €

O investimento representa case un 40% máis que o de 2022 e destinarase a apoiar proxectos de ONGD en Cisxordania, Ucraína, Líbano, Etiopía, Honduras, Cuba, O Salvador e Perú
 

A maiores, o Goberno galego asinou convenios de colaboración con distintas entidades para darlles resposta áxil e coordinada a distintas emerxencias humanitarias, con achegas que suman 240.000 euros
 

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2023 A Xunta apoia oito accións de axuda humanitaria cun investimento de 550.000 euros, case un 40% máis que a contía destinada en 2022 ao financiamento destes proxectos. A iniciativa enmárcase no Plan anual 2023 da Cooperación Galega.

Entre as accións beneficiarias están o apoio a tres puntos de saúde en Cisxordania para a atención a persoas refuxiadas de Palestina, a cargo de UNRWA-Comité español; o reforzamento do benestar físico e mental de persoas LGBTI+ desprazadas no Salvador, a cargo de Asemblea de Cooperación pola Paz; e o fortalecemento da resiliencia da poboación refuxiada vulnerable en Etiopía, a cargo de Entreculturas Fe y Alegría.

Pola súa banda, Solidariedade Internacional de Galicia actuará a prol das capacidades de atención e protección das persoas migrantes na fronteira sur oriental de Honduras; a Fundación CUME para el desarrollo de culturas y pueblos na resposta ante a emerxencia humanitaria provocada polo cambio climático na comunidade andina indíxena de Totora, no Perú; e Movimiento por la Paz y el Desarme na asistencia humanitaria de emerxencia e protección á poboación refuxiada palestina no Líbano.

Así mesmo, Fundación Tierra de Hombres traballará no apoio psicosocial á infancia e familias afectadas pola guerra en Ucraína, e Fundación Unicef–Comité español na resposta humanitaria ante o furacán Ian en Cuba, coa reconstrución de escolas afectadas.

Trátase de iniciativas executadas no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos teñen unha duración máxima de 12 meses e deben desenvolverse ao longo de 2023.

Resposta áxil ás emerxencias humanitarias

A maiores destas axudas, a Xunta asinou no que vai de ano diversos convenios de colaboración que permiten darlles resposta áxil e coordinada ás emerxencias que van xurdindo, así como apoiar crises de longa de duración ou de especial interese, como son as das poboacións saharauí e palestina. Nesta liña, formalizáronse acordos con Farmamundi, Unicef, España con ACNUR, UNRWA España e Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína) que suman un investimento de 240.000 euros.

No caso de Farmamundi, no primeiro semestre do ano o apoio da Xunta facilitou o financiamento de intervencións de emerxencia coa poboación siria e turca tras o terremoto en Turquía, coa poboación máis afectada polo brote de cólera en Haití, coa poboación en situación de extrema vulnerabilidade tras o aumento das hostilidades na Franxa de Gaza e coa poboación en situación de vulnerabilidade ante o brote de dengue na selva central do Perú.

Unicef destinou a achega da Xunta ás necesidades humanitarias da infancia en Siria, coa adquisición e distribución de subministracións esenciais de aseo e nutrición; España con Acnur a facilitarlle o acceso a servizos de atención psicosocial ás persoas sobreviventes de violencia baseada en xénero e de saúde mental en Colombia; UNRWA España a garantirlle a educación, en especial ás nenas, na Franxa de Gaza; e AGA-Ucraína á atención sanitaria móbil nos territorios desocupados de Ucraína.

Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións. 

A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/08/2023