A Xunta renova o convenio de colaboración coa confederación galega de asociacións veciñais para concienciar en igualdade e previr a violencia de xénero

O programa, dotado con 15.000 euros, reforza o apoio ao impulso das entidades veciñais que camiñan cara a unha sociedade equitativa e non violenta

Fará fincapé na necesidade de abordar esta realidade desde as idades máis temperás
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (Cogave) acordaron un ano máis colaborar co obxectivo de realizar un programa de concienciación en igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero Xuntos contra a violencia de xénero. Por unha sociedade que camiña libre, cara adiante, equitativa e sen violencia. Con este programa, a Xunta de Galicia amplía o seu apoio ás actividades realizadas polas entidades veciñais que poñen o foco na igualdade de xénero e promoven relacións igualitarias entre mulleres e homes da comunidade cunha achega de 15.000 euros dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

No marco deste convenio de colaboración, englóbanse unha serie de obradoiros e charlas-coloquio, nos que se tratará de dar visibilidade á realidade da violencia de xénero desde un enfoque multidisciplinar, combinando contornas urbanas e rurais ao longo das catro provincias. Farase fincapé na necesidade de abordar esta realidade desde as idades máis temperás, e desde a educación, a través da impartición de xornadas nos centros educativos.

Cogave é a única Confederación Galega de Asociacións Veciñais que existe en Galicia, polo que é unha entidade de grande representatividade social e de proximidade á sociedade que traballa na análise da situación das circunstancias específicas das mulleres. Amósase, polo tanto, coa capacidade suficiente para achegarse a elas e traballar na sensibilización e prevención da violencia de xénero. Nos últimos anos, a Xunta de Galicia vén colaborando con esta organización en beneficio da veciñanza que forma parte das asociacións federadas, das vítimas de violencia de xénero e da súa contorna directa, así como do resto da sociedade a través das accións de concienciación.

A nova Lei de igualdade que a Xunta está a tramitar no Parlamento de Galicia é o resultado dun proceso participativo que situará a nosa comunidade á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller. Traballos como o desenvolvido nestes últimos anos coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” xa evidenciaron este compromiso que agora quedará referendado nun texto legal.

Data de actualización: 14/08/2023