Galicia destina máis de 3,6 M€ a axudas para compensar a frota polo encarecemento dos combustibles que provocou a guerra de Ucraína

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas achegas que permitirán aos armadores paliar o aumento de prezos no segundo semestre de 2022
 

O apoio distribuirase entre os barcos de arrastre, cerco, artes menores e outros segmentos de embarcacións
 

Súmanse ás xa lanzadas para o sector da acuicultura e completaranse coas destinadas á industria transformadora
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023 A Consellería do Mar destina máis de 3,6 millóns de euros en axudas extraordinarias co obxectivo de contribuír a compensar  á frota pesqueira galega polo impacto nos prezos dos combustibles a consecuencia da guerra de Ucraína. Así se recolle na convocatoria destas achegas publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), que permitirá compensar o custo adicional no que incorreron os buques pesqueiros polo encarecemento dos carburantes durante o segundo semestre de 2022.

Poderán beneficiarse destes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), as persoas armadoras de embarcacións que teñan o seu porto base en Galicia, a licencia en vigor e estean de alta na terceira lista do Rexistro Xeral de frota Pesqueira e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

A contía máxima da axuda obterase dun cálculo que sairá da multiplicación de catro elementos que son: dunha táboa que barema o consumo diario de carburante segundo o tipo de buque e o caladoiro onde realiza a actividade; o arqueo bruto (GT) ou capacidade do barco; os días de pesca no mar; e por último o sobrecusto mensual por litro de combustible, que varía entre 0,25 de xullo aos e 0,04 euros por litro de decembro.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes contado a partir de mañá e deberán presentarse por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se as que cumpren os requisitos chegasen a superar o importe destinado a esta convocatoria, axustaranse as contías e realizarase un reparto proporcional distribuíndo o crédito da orde en grupos segundo o tipo de arte de pesca e a zona onde operan as potenciais embarcacións beneficiarias. Neste caso, para os buques de arrastre de caladoiro nacional, comunitario e internacional reserva máis de 1,1 millóns de euros, aos buques de cerco en caladoiro nacional 385.000 euros, para os de artes menores máis de 1,5 millóns de euros e ao resto de buques diríxense 540.000 €.   

Axudas para a acuicultura e o sector transformador

A guerra de Ucraína xerou graves consecuencias na economía da Unión Europea e os seus estados membros. A invasión por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022 afectou aos operadores do sector da pesca e acuicultura de toda a UE, orixinando incrementos importantes dos custos e alteracións do comercio. Ante esta situación modificouse o regulamento do FEMP para permitir habilitar medidas que mitigasen este impacto nos operadores da pesca e da acuicultura.   

A dedicada ás empresas de cultivos mariños foi a primeira orde en aparecer publicada no DOG o pasado 8 de agosto e a ela súmase hoxe a convocatoria de axudas para a frota pesqueira. En próximos días sairá a dedicada á industria transformadora. En total, a Xunta mobilizará arredor de 15 millóns de euros nas tres vías de apoio para paliar o impacto da guerra en Ucraína na cadea mar-industria

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 14/08/2023