A Xunta actualiza o regulamento do rexistro de parellas de feito para facilitar a tramitación e adaptala ás novas tecnoloxías e normativa

O Diario Oficial de Galicia anuncia a apertura do trámite de información pública, coa publicación das modificacións previstas no Portal de Transparencia

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2023 A Xunta avanza no procedemento para actualizar o decreto polo que se crea e regula o rexistro de parellas de feito de Galicia coa apertura do trámite de información pública por un período de 15 días hábiles, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia

O texto do proxecto pode consultarse no Portal de Transparencia da Xunta co obxecto de que calquera persoa interesada poida formular as observacións e presentar as propostas que coide oportunas a través da sede electrónica da Xunta e, naqueles casos de persoas físicas non obrigadas ao emprego de medios electrónicos, por medio dun escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Primeira.  

O obxectivo das modificacións é facilitar a tramitación e adaptala tanto ás novas tecnoloxías como aos últimos cambios normativos. Apóstase así por unha maior funcionalidade e simplicidade para a cidadanía. 

Entre as novidades previstas está a de establecer a posibilidade de que as solicitudes nas distintas fases do procedemento se poidan presentar de xeito telemático. Deste xeito, a inscrición, modificación e cancelación de parellas de feito poderase facer consonte ás leis de procedemento administrativo común e da administración dixital de Galicia. 

Ademais, a reforma permitirá darlle resposta ás principais incidencias recollidas nos rexistros e que teñen relación coa achega do certificado rexistral de fe de vida e estado, coa acreditación da veciñanza civil galega e coa falta de fixación temporal do tempo mínimo de convivencia.

Outra das dificultades máis detectadas está relacionada coa interpretación do artigo 11 do regulamento de parellas de feito de Galicia, que recolle os requisitos comúns das solicitudes de inscrición. As dúbidas céntranse na documentación que se require en cada rexistro para acreditar o cumprimento de todos os requisitos. 

Nesta liña, introdúcese unha nova redacción do artigo para determinar a documentación acreditativa de todos os requisitos esixidos que as persoas interesadas deben achegarlle ao rexistro e harmonízanse os criterios de interpretación entre os catro rexistros de parellas de feito de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2023