A Xunta pon en valor a importancia do polbo e do rol das polbeiras co gallo da LXI Festa do Pulpo do Carballiño

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, acompañados do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiron hoxe ao evento declarado de Interese Turístico Internacional o pasado ano

Rivo puxo en valor ás polbeiras por ser emprendedoras e sustentos das súas familias, por manter o relevo xeracional, por xerar emprego e riqueza e por ser exemplo para as xeracións actuais e vindeiras

O Carballiño (Ourense), 13 de agosto de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, acompañados do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiron hoxe á 61ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional o ano pasado e que veu precedida en abril deste 2023 -por primeira vez- da Romaría das Pulpeiras, para homenaxear este colectivo clave no municipio ourensán.

A conselleira puxo este feito de relevo, así como a longa tradición dun evento que reflicte tanto a importancia da elaboración e do consumo de polbo para a economía do Carballiño, como a relevancia das polbeiras que conforman o groso das persoas que se encargan da súa preparación. Rivo, en concreto, puxo en valor este colectivo por ser emprendedoras e ser os sustentos das súas familias, por manter o relevo xeracional desta profesión durante décadas, por xerar emprego e riqueza no Carballiño e en toda a provincia ourensá e por ser “exemplo para as xeración actuais e vindeiras”.

Destacou, así mesmo, que no Carballiño saben o que é facer historia non só porque unha localidade de interior fose a que “máis e mellor puxo en valor un produto de mar”, senón por converter o polbo “nun piar fundamental da economía, historia e cultura do Carballiño”. Así quedou demostrado, recordou, esta mesma semana acadando -de novo- a tapa de polbo máis grande do mundo, con 580 quilos do cefalópodo en dez minutos para un total de 800 racións. Hoxe, prevese que se sirvan ata 50.000 kg, acompañados doutros produtos gastronómicos da zona.

Pola sua banda, o director de Turismo de Galicia aproveitou a súa participación para lembrar o impulso conxunto que a Xunta está a facer co Concello para situalo como destino turístico gastronómico de referencia sobre a base do polbo como elemento diferencial. No marco dos fondos europeos, lembrou Merelles, "executaranse accións que permitan seguir desenvolvemento no eido turístico esta comarca aproveitando o tirón da chegada do AVE".

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2023