A iniciativa da Xunta ‘Mercar no teu comercio ten premio’ dinamiza os negocios de Ponteareas

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu hoxe ao sorteo de premios co que finalizou a campaña impulsada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, a Federación de Comercio de Pontevedra e a asociación Banastra

Ponteareas (Pontevedra), 11 de agosto 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou este serán en Ponteareas no sorteo de premios da campaña Mercar no teu comercio ten premio, unha iniciativa de dinamización impulsada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, coa colaboración neste caso da Federación de Comercio de Pontevedra e a asociación Banastra de Ponteareas.

A campaña repartiu en total 1.000€ en tarxetas prepago de 300 e de 50 euros para seguir mercando no comercio da localidade entre os clientes que mercaron en establecementos de Ponteareas desde o pasado luns 7 de agosto e cambiaron os seus tíckets de compra por boletos de participación.

A campaña Mercar no teu comercio ten premio busca dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo. Con esta finalidade chegará desde o pasado mes de xullo ata novembro a un total de 35 localidades galegas, nove delas da provincia de Pontevedra.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023