O comité técnico do mosquito tigre celebra a súa primeira reunión co obxectivo de limitar a reprodución do insecto

A Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec) colocará novas trampas en Moaña para delimitar a zona con presenza do mosquito tigre

Difundirase unha guía con recomendacións para a cidadanía, tanto para evitar picaduras como para eliminar posibles punto de cría

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2023

O comité técnico do mosquito tigre celebrou esta mañá a súa primeira reunión coa finalidade de controlar a poboación desta especie identificada na localidade de Moaña a través da plataforma cidadá Mosquito Alert coa que colabora a Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec), integrada polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural, ademais das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

Na xuntanza asistiron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e sanidade ambiental, investigadores expertos en entomoloxía da USC e Uvigo, profesionais da área de Gandaría da Consellería do Medio Rural, representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, do 112-Galicia, da área sanitaria de Vigo e da xefatura territorial de Sanidade, da Delegación do Goberno en Galicia e do Concello de Moaña como municipio implicado.

Nela, tras a confirmación por parte dos entomólogos da aparición de oito exemplares de mosquito tigre, decidiuse aumentar o número de trampas para concretar en Moaña a zona onde está presente actualmente.

Recomendacións para a cidadanía

De forma coordinada, o comité técnico difundirá sinxelas pautas para a poboación, centradas como mínimo na comarca do Morrazo.

Por unha banda, para evitar a picadura do mosquito tigre, aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nos listados de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns largos e calzado pechado ou colocar mosquiteiros en portas e ventás. As picaduras poden ser molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

No que atinxe a evitar a proliferación do mosquito Aedes albopictus, a forma máis efectiva é evitar a posta de ovos e o crecemento das larvas. Por iso, débense eliminar puntos de auga estancada como bebedeiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións. Debe procederse simplemente ao seu baleirado ou renovación da auga cada 4-5 días. Polo tanto, zonas como lavadoiros ou fontes con auga corrente non constitúen un punto de proliferación de mosquito tigre.

A maiores, para continuar coa colaboración científica e que sexan especialistas en entomoloxía quen confirmen a presenta ou non de máis exemplares de mosquito tigre, promóvese a descarga da aplicación móbil Mosquito Alert coa que facer chegar fotografías para o seu estudo por parte dos investigadores.

Data de actualización: 11/08/2023