A Xunta concedeu preto de 5.000 autorizacións para visitar o illote Areoso desde a implantación do sistema de control de acceso

A quenda máis solicitada é que vai das 13,00 h ata as 17,00 h con 1.825 peticións

No que atinxe aos modos de acceso, das 1.327 solicitudes recibidas a maior parte corresponderon a embarcacións sen motor, con 921 peticións
 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023

 

A Xunta de Galicia leva concedidas preto de 5.000 autorizacións para visitar o arquipélago dos Guidoiros —do que forma parte o illote do Areoso— e a illa da Rúa, na Illa de Arousa, desde a implantación do sistema de control de acceso o pasado mes de xullo.

Cómpre lembrar que a orde reguladora de usos públicos e actividades permitidas neste espazo natural limita a 150 os visitantes diarios permitidos no illote arousán a través de tres quendas de visitas —do amencer ás 13,00 horas; das 13,00 horas ata as 17,00 horas; e das 17,00 horas ata o solpor—.

Desas 3 quendas, a máis solicitada é a segunda, con 1.825 solicitudes recibidas, seguida da última (1.672). Para a primeira quenda da xornada recibíronse 1.425 peticións. Deste xeito, a ocupación media supera o 90% a partir das 13,00 h e roza o 80% nas primeiras horas da xornada.

No que atinxe aos modos de acceso ao Areoso, das 1.327 solicitudes recibidas a maior parte corresponderon a embarcacións sen motor (921). Para atraques con motor rexistráronse 261 peticións, e para acceso con fondeo, 145.

As persoas interesadas en visitar o devandito espazo protexido poden facer a súa reserva a través da ligazón https://areoso.xunta.gal.

O obxectivo do Goberno galego coa regulación de usos e actividades permitidas no conxunto que conforman o Areoso e outra serie de illas próximas é garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos viña rexistrando unha afluencia de visitantes crecente.

Data de actualización: 12/08/2023