A Xunta destina preto de 7,7 M€ a formar unhas 16.000 persoas ocupadas en Galicia en 2023 e 2024

A Consellería de Promoción do Emprego e igualdade notificou esta semana as axudas concendidas no marco deste programa de formación para o emprego

Como novidade, na baremación de candidaturas tívose en conta a diversificación territorial do alumnado e das accións formativas

A Xunta considera colectivos prioritarios para estes cursos as mulleres, as vítimas da violencia de xénero e as persoas traballadoras menores de 30 anos ou maiores de 45, con empregos a tempo parcial ou afectados por ERTE

Coa nova edición do programa, o Goberno galego terá mobilizados desde 2009 cerca de 147 millóns de euros para mellorar a formación prioritaria do persoal ocupado
 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023

A Xunta destinará no período 2023-2024 preto de 7,7 millóns a formar arredor de 16.000 persoas ocupadas. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, notificou esta semana as axudas concedidas a centros e entidades de formación profesional co gallo de desenvolver preto de 700 accións e dar resposta ás demandas de cualificación do mercado laboral para outorgar maiores oportunidades á poboación traballadora.

Cabe lembrar que a nova convocatoria supera nun 40% o orzamento da anterior (5,5 M€) e reformula algúns criterios para incentivar especialidades formativas con maior demanda, a diversificación territorial do alumnado e a variedade dos cursos. Bríndase ademais a opción de que o alumnado simultanee dúas formacións da convocatoria.  

O plan formativo está dirixido prioritariamente a persoas ocupadas, situación laboral que se determinará no comezo da formación. Cando unha alumna ou alumno pase a situación de desemprego durante os cursos, poderá seguir a participar nel.  

Poderán beneficiarse das accións persoas traballadoras ou socias das empresas da economía social que acheguen actividade económica, tamén autónomas e autónomos e mesmo persoal afectado por medidas temporais de suspensión de contrato (como ERTEs), ou dun expediente de regulación de emprego (ERE), motivadas por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior. A Xunta fai unha reserva para que tamén poidan participar nas referidas accións persoas traballadoras desempregadas, ata un límite do 30% do número de participantes.

Nesta nova convocatoria, a Administración autonómica considera como colectivos prioritarios as mulleres, as vítimas de violencia de xénero, os menores de 30 anos ou maiores de 45, persoas traballadoras a tempo parcial, emigrantes retornados e persoas inmersas en ERTE. Como en anteriores edicións, manterase o apoio ás actividades formativas co 100% do alumnado con discapacidade.

Coa nova edición do programa, a Xunta de Galicia terá mobilizados desde 2009 cerca de 147 millóns de euros para mellorar a formación prioritaria do persoal ocupado. 

Data de actualización: 12/08/2023