O luns finaliza o prazo de solicitude de axudas da Xunta para dar continuidade ao labor dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia

Esta liña de apoios diríxese aos sete centros tecnolóxicos de Galicia e aos dous centros de apoio á innovación tecnolóxica que figuran no rexistro estatal do Ministerio de Ciencia e Innovación e que son un referente en España pola súa especialización, posicionamento e competitividade

Vincula o financiamento público aos resultados obtidos por cada centro en transferencia de coñecemento ou captación de fondos competitivos, entre outros indicadores

Esta axuda permite aos centros reter e captar talento ao apoiar a formación, contratación e estabilización do seu persoal de I+D

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023 O vindeiro luns, 14 de agosto, finaliza o prazo de solicitude das axudas da Xunta para dar continuidade, por dous anos mais, ao labor que desenvolven os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia que figuran no rexistro estatal do Ministerio de Ciencia e Innovación. Destinaranse 6,2M€ durante os anos 2023 e 2024.

Deste xeito, os apoios diríxense aos sete centros tecnolóxicos de Galicia - Aimen, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim). Tamén se inclúen os dous centros de apoio á innovación tecnolóxica: Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga).

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, renova este financiamento co obxectivo de proporcionar a estes centros un horizonte de certeza económica que lles permita planificar e executar, coa programación adecuada, as actividades de I+D+i que pretenden realizar.

Hai que ter en conta que estes centros son un referente estatal pola súa especialización, posicionamento e competitividade. Son actores clave do noso ecosistema pola súa contribución ao desenvolvemento de tecnoloxías e á innovación, así como pola súa colaboración en iniciativas tractoras. Os centros traballan en torno ás cadeas de valor estratéxicas de Galicia, e están aliñados coas prioridades tecnolóxicas da Comisión Europea, o Goberno de España e a nosa Comunidade. Como exemplo, Atiga engloba aos sete centros tecnolóxicos que supoñen 1700 persoas dedicadas á investigación e transferencia, 2000 clientes, 90 millóns de facturación, 450 proxectos e 140 patentes.

As axudas distribúense en función de 17 indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal e igualdade de cada centro. Vincúlase o financiamento público aos resultados obtidos por cada centro en transferencia de coñecemento e captación de fondos competitivos, entre outros aspectos.

Apóiase o custo de persoal investigador ou técnico, material bibliográfico e funxible, custos de formación do persoal do centro e outros gastos ata un máximo do 10% da axuda concedida. Deste xeito, as axudas impulsan a atracción e retención de talento.

Enmarcada na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, este financiamento basal promove así a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento, impulsando a colaboración co tecido empresarial para potenciar o impacto na competitividade das empresas e o crecemento da economía galega.

Desde o ano 2009 destináronse máis de 25M€ a este tipo de apoios. Ademais, estas actuacións xeraron un emprego inducido de preto de 760 postos de traballo cualificados nos últimos 10 anos (2013-2022). Esta liña compleméntase coas axudas á adquisición de infraestruturas para fortalecer as capacidades destes centros, e co financiamento basal ás fundacións de investigación sanitaria e os centros do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia.

Un dos obxectivos destes centros é cubrir a fenda existente entre a ciencia e as solucións tecnolóxicas e innovadoras que demandan tanto o tecido empresarial como as administracións.  Por iso, o Goberno galego tamén deseñou programas específicos como Conecta Peme, Fábrica Intelixente e Sostible ou as Unidades Mixtas de Investigación que pretenden impulsar unha participación activa destes centros promovendo a súa cooperación coa industria e favorecendo que a innovación chegue a todo tipo de empresas.

 

Data de actualización: 12/08/2023