A Xunta solta na praia de Esmelle 6 dos máis de 30 polos de píllara das dunas criados en catividade esta campaña no Centro de Recuperación da Fauna de Oleiros

A delegada territorial, Martina Aneiros, participou no acto xunto a persoal técnico e representantes da USC e da Sociedade Galega de Historia Natural

A acción forma parte do programa de conservación ex situ desta especie que desenvolve a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e que promove a solta de 31 polos esta campaña, todos eles na praia de Esmelle

 

Ferrol, 11 de agosto de 2023 A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada de persoal técnico e os representantes da USC, Jesús Domínguez e María Vidal, participou na solta de seis exemplares de píllara das dunas na praia de Esmelle.

Esta acción enmárcase dentro do plan de recuperación desta especie promovido pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a axuda de entidades colaboradoras, como foi neste caso a Sociedade Galega de Historia Natural.

Concretamente, forma parte do programa de conservación ex situ que se vén desenvolvendo mediante a incubación e cría en catividade no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre de Oleiros. Alí criáronse 31 polos de píllara das dunas, os cales esta campaña veñen sendo liberados exclusivamente no areal de Esmelle. Esta mesma mañá soltáronse 6, e o proceso continuará durante o mes de agosto ata acadar os 31 exemplares criados.

Aneiros aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo que se desenvolve dende a Consellería e a implicación do persoal técnico, tanto dos axentes medioambientais como do vixiantes. Ademais, lembrou que a preservación da flora e da fauna autóctonas forman parte do día a día destes traballadores, cuxo labor principal consiste na protección do patrimonio natural e en eliminar ou advertir os posibles perigos e ameazas que pesan sobre o mesmo.

O obxectivo do proxecto é que a píllara das dunas volva recolonizar o norte da provincia da Coruña, onde se ten detectado un descenso da poboación nos últimos anos, segundo explicou a bióloga da USC, María Vidal Malde. “Temos constatado que polos anelados nacidos en praias de Ferrolterra criaban noutras praias de Galicia, como as de Bergantiños ou no Barbanza, por iso pensamos que é unha estratexia boa liberalos nas praias desta comarca”, sinalou a experta, que aproveitou para destacar que coa solta desta campaña supérase a barreira dos 100 polos liberados en praias galegas dende o inicio deste proxecto pioneiro en 2018.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023