A Xunta inviste máis de 770.000 euros na robotización da unidade de lesionados medulares do CHUAC

Esta unidade é referente na nosa Comunidade e en parte do territorio español, no que atinxe á hospitalización de agudos

No 2022 contabilizáronse 185 ingresos e preto de 1.350 consultas externas

A Coruña, 11 de agosto de 2023

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, destacou hoxe, na súa visita á unidade de lesionados medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que a Xunta vén de investir máis de 770.000 euros na súa robotización, a través de fondos REACT-UE. Este novo equipamento, -dixo Aboal-, será de gran axuda á hora de avaliar a capacidade motora dos pacientes, así como proporcionar terapias intensivas e ofrecer asistencia ao movemento das persoas.

Tal e como subliñou o director xeral, esta unidade é referente en Galicia e en parte do territorio español no que atinxe á hospitalización de agudos. Así, no pasado ano, tivo un total de 185 ingresos e preto de 1.350 consultas externas. Ademais, é un centro pioneiro e de referencia para a rexionalización de ensaios clínicos e de investigación na lesión medular.

O responsable da Asistencia Sanitaria do Sergas tamén dixo que xa se levaron a cabo os traballos necesarios para a posta en marcha na unidade dunha videoconsulta que evita desprazamentos innecesarios ao hospital e que facilita a atención. Esta ferramenta ofrece, tamén, apoio á atención primaria para o correcto seguimento dos pacientes no domicilio.

Na súa visita, Jorge Aboal, quen estivo acompañado polo director asistencial da área sanitaria, Pedro J. Marcos; do xefe da unidade de lesionados medulares, Antonio Rodríguez Sotillo; e da supervisora da mesma, Beatriz Saavedra, incidiu na aposta da Xunta de Galicia por aproveitar os fondos europeos para introducir a tecnoloxía robótica na sanidade pública, un camiño que se iniciou a mediados de 2021 coa adquisición de sete equipos de cirurxía robótica, un para cada área sanitaria, e que se está a continuar con outros proxectos entre os que se decidiu incorporar agora a esta unidade referencial en Galicia.

Aparataxe

Pola súa parte, o xefe da Unidade, o doutor Antonio Rodríguez Sotillo, sinalou que a presente adquisición corresponde a un proxecto de renovación tecnolóxica para manter e mellorar a atención ao lesionado medular na comunidade galega. Así, licitouse a adquisición dun novo sistema de rehabilitación robótica da marcha. Tamén se licitaron dous lotes de equipamento novo para a unidade que permitirán unha actuación rehabilitadora máis eficaz e eficiente. Un deles é un sistema robótico de rehabilitación da extremidade superior e man, que posibilitará acurtar tempos de tratamento en terapia ocupacional e mellorar a funcionalidade das mans e extremidades superiores en pacientes tetrapléxicos.

Por ultimo, tamén saíu neste concurso publico a adquisición de dúas padiolas de verticalización e mobilización temperá de extremidades inferiores que axudarán a reducir tempos de encamamento e mellorar o proceso de tratamento en fisioterapia, acurtando de xeito importante os tempos de rehabilitación, e facendo o tratamento máis seguro e eficaz.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023