A Xunta recoñecerá cos premios Innovagal o compromiso dos centros escolares coa innovación educativa

O obxectivo destes galardóns é poñer en valor o labor dos centros que desenvolven enfoques didácticos para dar resposta ás necesidades particulares do seu alumnado

O prazo de presentación de candidaturas remata o 6 de outubro de 2023

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia vén de convocar os premios educativos Innovagal, que teñen como obxectivo recoñecer o labor de centros cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos e organizativos que buscan dar resposta ás necesidades particulares do seu alumnado. Estes galardóns supoñen, ademais, o recoñecemento e difusión de boas prácticas que serven para achegar novos referentes a toda a comunidade educativa.

A convocatoria establece dúas categorías de participación, unha para escolas de Educación Infantil, colexios rurais agrupados, centros de Educación Especial, colexios de Educación Infantil e Primaria e colexios de Educación Primaria; outra para centros públicos integrados, institutos de Educación Secundaria e centros de educación e promoción de adultos, todos eles centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

Outorgaranse tres premios e unha mención de honra por cada categoría cos seguintes importes: 10.000€ para o primeiro, 6.000€ para o segundo e 3.000€ para o terceiro, ademais de 1.000€ para a mención de honra. Ademais da dotación económica do premio, os centros premiados nesta convocatoria recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, que terá unha vixencia de catro cursos escolares.

Cada centro presentará unha única solicitude, na que poderán incluír todo tipo de iniciativas innovadoras desenvolvidas nos últimos cinco cursos escolares. Deberán remitir unha memoria descritiva das iniciativas innovadoras desenvolvidas onde se inclúan os cambios adoptados no seu centro a nivel organizativo, pedagóxico e programático e o impacto da implementación destas iniciativas. O prazo de presentación de candidaturas remata o 6 de outubro de 2023 e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2023