A Xunta achega case 1,4 M€ a 35 concellos lucenses para mellorar instalacións deportivas e adquirir equipamento

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o campo de fútbol da Marosa, en Burela, beneficiarase destas axudas para instalar un novo peche perimetral

Subliña que, ante a gran demanda, abriuse unha segunda convocatoria para dar cobertura a máis proxectos e o prazo de solicitudes rematará o 11 de setembro

Burela (Lugo), 11 de agosto de 2023

A Xunta resolveu a orde de axudas a concellos para a construción ou mellora de instalacións deportivas municipais e para a adquisición de material deportivo, que na provincia de Lugo benefician a 35 entidades locais por un importe total próximo a 1,4 millóns de euros.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou unha das infraestruturas que recibe financiamento dentro desta liña, o campo de fútbol da Marosa, en Burela. A Administración autonómica achegará ao Concello 40.165 euros para a renovación do peche perimetral, do total de 50.200 euros de orzamento.

Arias explicou que esta orde financia o 80% das actuacións, ata o límite de 50.000 euros no caso de obras e de 10.000 euros para adquirir equipamento. A porcentaxe restante será achegada polas entidades locais.

Ante o interese que espertou esta orde, que saíu por primeira vez este ano, a Xunta decidiu publicar outra convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir as peticións que quedaron fóra por esgotamento de crédito -todas elas na liña I de instalacións deportivas-, e outras solicitudes novas.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 11 de setembro. A Administración incorporará e tramitará de oficio as propostas que foran desestimadas por falta de orzamento. 

Distribución

En canto aos concellos beneficiarios na primeira convocatoria, hai once máis na Mariña: A Pontenova, Barreiros, Cervo, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Ourol, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove . Na zona Sur reciben achegas Monforte de Lemos, Sober, Bóveda, Pantón, Quiroga, Folgoso do Courel e Chantada.

Igualmente, distribúense os investimentos entre oito municipios da Terrá Chá e Meira -Abadín, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto e Xermade -; e catro da comarca de Lugo – Lugo, O Corgo, Outeiro de Rei e Portomarín -. Tamén os concellos de Becerreá, Negueira de Muñiz, Antas de Ulla e O Páramo. En total concedéronse 51 axudas, xa que varios municipios reciben apoio nas dúas liñas -instalacións e equipamento-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023