A Xunta destina 8,5 M€ á contratación dunhas 500 persoas sen emprego en 180 entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar o programa de cooperación que promove que entidades inscritas como de iniciativa social traballen cos colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego
 

Cada entidade beneficiaria recibirá como media máis de 47.200 euros, 17.300 por persoa traballadora contratada
 

Terase en conta, unha edición máis, o papel das entidades que desenvolvan proxectos singulares: as que prestan servizos a outras asociacións, a colectivos con máis dunha área de actuación a nivel autonómico e as que contan con máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal

 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar o programa de cooperación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que destina 8,5 millóns de euros á contratación de persoas sen emprego en entidades sen ánimo de lucro. Mediante esta iniciativa, a Xunta estima que se poderán contratar unhas 490 persoas desempregadas en 180 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e que terán de prazo un mes desde hoxe para solicitar os apoios.  

Estas axudas buscan incentivar as oportunidades laborais a través da adquisición da experiencia profesional; promovendo, así mesmo, a inserción no sector dos servizos sociais, xerador potencial de emprego.

A Xunta estima que cada unha das entidades beneficiarias na convocatoria deste ano recibirá como media un importe de máis de 47.200 euros, 17.300 euros por persoa traballadora contratada.

As entidades que se beneficien destes apoios deben ter como principal actividade a promoción de accións específicas destinadas a axudar a colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego como son, entre outros, as persoas en risco de exclusión social, con discapacidade, as mulleres ou as vítimas de violencia de xénero. Deberán tamén garantir a contatración a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas ou doce meses a tempo parcial.

Como en edicións anteriores, darase prioridade ás entidades que desenvolvan proxectos singulares. Do total de 8,5 millóns de euros, destinaranse 3 millóns á contratación de persoas desempregadas nos denominados proxectos singulares, desenvolvidos por entidades que prestan servizos a outras, a colectivos con máis dunha área de actuación a nivel autónomico ou con máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal.

O Goberno galego ten como prioridade deseñar e aplicar políticas activas orientadas á atención a colectivos específicos con especiais dificultades de inserción. Este tipo de axudas reflicte que a Xunta conta coa colaboración das entidades sen ánimo de lucro para contribuír ao aproveitamento, desenvolvemento e potencial económico, social e cultural da comunidade e favorecer a creación de emprego mediante a prestación de servizos de interese xeral e social.

Estes apoios forman parte da aposta da Xunta de Galicia por mellorar a empregabilidade das persoas no seo da colaboración institucional e do Diálogo Social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

No eido do apoio á contratación para os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo, a Xunta ten en marcha este ano plans específicos para promocionar o emprego entre as mulleres, a mocidade e as persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2023