A campaña ‘GALICIA SABE AMAR’ promove o consumo de peixe e marisco na área de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves unha das foodtruccks da iniciativa na Alameda da Ramallosa, en Nigrán, e que en días anteriores fixo parada en Baiona

Nigrán (Pontevedra), 10 de agosto de 2023

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR que este xoves está na Alameda da Ramallosa, en Nigrán, e que en días anteriores fixo parada en Baiona.

Esta iniciativa da Xunta percorrerá preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago a través de catro foodtrucks que servirán máis de 200.000 petiscos ás persoas que decidan achegarse a elas.

O Executivo galego busca enxalzar deste xeito a variedade e calidade dos produtos do mar de Galicia así como a gastronomía da comunidade. Nestas paradas os visitantes poden degustar 10 receitas que se elaboran con produtos certificados do mar como o berberecho de Noia, o bonito do norte ou o mexillón de Galicia, xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas.

Deste xeito a campaña de promoción dos produtos do mar de Galicia -posta en marcha en 2021 para, entre outros obxectivos, render homenaxe aos milleiros de profesionais que durante a pandemia traballaron arreo para que nos fogares galegos non faltase un prato de peixe- achegará á cidadanía elaboracións como choco con fabas de Lourenzá, navallas en mollo de pemento de Herbón ou zamburiñas en escabeche con garavanzos.

Así mostrarase a calidade dos produtos pesqueiros galegos e o gran labor que realizan os profesionais dos distintos elos da cadea mar-industria. As persoas interesadas en visitar algunha parada das catro rutas de foodtrucks poden informarse nos perfís de redes sociais da Consellería do Mar onde se actualizan os datos referidos aos distintos percorridos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2023