A Xunta reforza o rexistro galego de tumores para aumentar a información sobre a incidencia do cancro en Galicia

Dentro da Estratexia de xestión do cancro en Galicia, a Consellería de Sanidade impulsa o Rexistro Galego de Tumores (Regat) tramitando a súa regulación normativa, reforzando o seu persoal e aumentando as fontes de información

Do informe anual do Regat de 2021 cómpre salientar que, nese ano, fixéronse 16.689 novos diagnósticos de cancro en persoas que residían en Galicia

O Regat favorece a avaliación de diferentes programas de saúde pública e facilita a planificación da atención que se debe prestar ás persoas diagnosticadas con cancro

Na loita contra o cancro, a Xunta aposta pola innovación nos tratamentos, coa posta en marcha do centro de produción de medicamentos CAR-T e do Centro de Protonterapia de Galicia

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023 A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, acompañada polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, presentou este mediodía o reforzo do Rexistro Galego de Tumores (Regat), enmarcado no desenvolvemento da Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028, co obxectivo de aumentar a información sobre a incidencia do cancro en Galicia.

A Estratexia, aprobada o ano pasado polo Consello da Xunta, determina que o cancro é un moi importante problema de saúde pública, pola súa magnitude, o enorme sufrimento que comporta e o importante custo que supoñen os coidados (sanitarios e non sanitarios) que implica. Neste senso, o coñecemento preciso da incidencia dos diferentes cancros e da súa evolución, favorece a avaliación de diferentes programas de saúde pública e facilita a planificación da atención que se debe prestar ás persoas diagnosticadas con cancro.

Así, aínda que o Regat leva anos en desenvolvemento, a Estratexia recolle actuacións de reforzo para visualizar o seu valor e a importancia da información que recolle, así como a utilidade tanto para o desenvolvemento e avaliación de programas de saúde pública, como para os de atención sanitaria.

Froito deste impulso, iníciase a tramitación da regulación normativa do Regat, preséntase o primeiro informe anual do mesmo, refórzase o persoal do Rexistro, e, ademais, auméntanse as fontes de información das que se nutre.

No que atinxe á normativa do Regat, a Xunta iniciou xa a tramitación da Orde que regula o Rexistro Galego de Tumores, entendendo que é preciso regular o funcionamento do rexistro, as súas finalidades e funcións, así como constituír unha comisión de asesoramento que colabore na homoxeneización de criterios técnicos e clínicos, entre outras funcións.

Ademais, a unidade responsable do Regat refórzase con tres postos de persoal técnico superior en documentación sanitaria, co obxecto de abordar a validación dos tumores para os que se dispón de programas de cribado poboacional (mama, colon e recto e colo de útero), e dous dos de maior prevalencia (pulmón e próstata), que ademais son os que se veñen considerando como prioritarios non últimos plans oncolóxicos de Galicia.

Xunto ao anterior, Saúde Pública impulsa a optimización do Regat, a través da tarefa da automatización da entrada de datos de distintos sistemas de información. Así, ás fontes actuais do Rexistro (o Conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos, a información proporcionada por Tarxeta Sanitaria e polo Rexistro de mortalidade de Galicia) integraranse os dos programas poboacionais de cribado, ou de prescrición farmacéutica, que permitan integrar toda a información necesaria para realizar estudos de supervivencia, ou de efectividade dos programas instaurados.

O Regat consolídase así como un sistema de información desenvolvido dende a Dirección Xeral de Saúde Pública, sendo o seu obxectivo recoller información sobre os tumores malignos diagnosticados na poboación de Galicia para dar resposta ás necesidades da xestión asistencial, a investigación, a planificación e a vixilancia epidemiolóxica, cumprindo os estándares internacionais de calidade que permitan o seu recoñecemento como fonte de datos válida tanto no ámbito nacional coma internacional.

Primeiro informe anual

O Informe anual do Regat 2021, hoxe presentado pola directora xeral de Saúde Pública, é o primeiro das súas características na nosa Comunidade Autónoma, estando previsto que se actualice con periodicidade anual, así como a mellora continua no que atinxe aos seus contidos.

Este primeiro documento contempla datos de incidencia de tumores referidos ao ano 2021; Información sobre mortalidade por cancro, referida a 2020 (último ano con toda a información das causas de morte dos certificados de defunción codificada e validada); e, así mesmo, tamén recolle información específica para cada un dos tumores considerados, incluída a evolución da súa incidencia de 2015 a 2021. Está previsto que este mesmo ano se publique o informe sobre incidencia de cancro en Galicia en 2022, coa posibilidade de incorporar información sobre a supervivencia global.

Do informe cómpre salientar que, nese ano 2021, fixéronse 16.689 novos diagnósticos de cancro en persoas que residían en Galicia, e que o 59% destes diagnósticos correspondían a varóns e o 41% a mulleres. Nos homes, os tumores que deron lugar a un maior número de diagnósticos foron os de próstata (2.288), seguidos dos de pulmón (1.400) e vexiga urinaria (1.098); mentres que nas mulleres, o máis frecuentes foron os de mama (1.767), de colon (737) e pulmón (530).

No que atinxe á mortalidade por cancro, en 2020 faleceron por esta causa 8.125 persoas que residían en Galicia, das que o 59% eran varóns e o 41% restante, mulleres. Entre os homes, o cancro que deu lugar a máis falecementos foi o de pulmón (1.155), seguido polo de próstata (478) e o de colon (459); mentres que nas mulleres, o que máis falecementos produciu foi o de mama (432) seguido do de pulmón (385) e o de colon (375).

O contido e a evolución do informe anual será valorado polo equipo de traballo do Regat e pola Comisión de Asesoramento que se creará mediante a orde correspondente.

Galicia, na vangarda contra o cancro

Tamén no marco do desenvolvemento da Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, explicou que o goberno galego está a tramitar unha reforma da actual normativa de regulación dos órganos de asesoramento, calidade e participación das áreas sanitarias na que se quere reforzar a presenza dos profesionais de atención primaria.

Nese sentido, o novo decreto regulará de xeito específico a participación do persoal médico de atención primaria nos comités multidisciplinares de tumores, facilitando a participación nas sesións de análise da evolución dos tumores do profesional de medicina de familia que exerza como médico de cabeceira do paciente, para que podan formar parte e ser coñecedores do itinerario clínico a seguir.

Finalmente, Jorge Aboal puxo en valor a consecución de dous fitos de máxima relevancia na liña da Estratexia referida ás innovacións no tratamento: a creación do Centro de Protonterapia de Galicia e do Centro de fabricación de terapias avanzadas

Así, indicou que a Xunta xa conta con empresa adxudicataria para comezar a construír, no último trimestre deste ano, o Centro de Protonterapia de Galicia na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, coa previsión de que este en funcionamento en xuño de 2025. Nese centro poderase administrar unha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa o tempo de terapia, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. Ademais, reduce de forma significativa tratamentos innecesarios en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.

Paralelamente, cun investimento superior aos 2,5 millóns de euros, a Xunta executou a obra do Centro de fabricación de terapias avanzas, que agora está a dotarse de equipamentos e persoal para estar funcionando xa en probas no último trimestre do 2023 e comezar en 2024 a elaborar fármacos de terapias celulares CAR-T.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2023