A Xunta destina 2,8 millóns de euros a 14 federacións deportivas para promover a conciliación ao abeiro do Plan Corresponsables en 2023

Balonmán, Tenis, Salvamento, Taekwondo, Piragüismo, Boxeo, Montañismo, Vela, Loita, Esgrima, Fútbol, Tríatlon, Surf e Hóckey foron as federacións galegas beneficiadas neste 2023 no que orzamento total do plan sobe un 10% con respecto a 2022

O plan promove a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores a cargo, habilitando servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportivas para nenos e nenas de ata 16 anos de idade, ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova

O pasado venres, responsables das federacións deportivas participaron dunha xornada formativa para o uso da aplicación web do Plan Corresponsables, que é unha das principais novidades desta edición
 

Santiago, 10 de agosto de 2023


O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución das solicitudes de subvencións a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento da segunda edición do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva en 2023. En total, foron 14 as federacións deportivas galegas que se beneficiaron das axudas do devandito Plan que, nesta ocasión, contou cun orzamento total próximo aos 2,8 millóns de euros (2.773.095 euros). Este plan é froito da colaboración entre a Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O Plan Corresponsables 2022, contou cun orzamento de 2,5 millóns de euros, polo que o orzamento de 2023 supón un incremento de preto do 10% no seu financiamento.

Máis polo miúdo, as entidades beneficiarias foron a Federación Galega de Balonmán, a Federación Galega de Tenis, a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo e a Federación Galega de Taekwondo que acadaron a máxima contía da axuda, cuns 300.000 euros por programa. Ademais, tamén foron beneficiadas a Federación Galega de Piragüismo (285.520 euros), a Federación Galega de Boxeo (252.320 euros), a Federación Galega de Montañismo (217.460 euros), a Real Federación Galega de Vela (207.500 euros), a Federación Galega de Loita (189.240 euros), a Federación Galega de Esgrima (162.095 euros), a Real Federación Galega de Fútbol (114.540 euros), a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno (74.700 euros), a Federación Galega de Surf (39.840 euros) e a Federación Galega de Hóckey (29.880 euros). Cómpre sinalar que as federacións poderán afrontar o desenvolvemento do programa coa subvención concedida e sufragada ata o 80%.

O pasado venres 4 de xullo, responsables das entidades beneficiarias do Plan Corresponsables participaron nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública dunha xornada formativa para o uso da aplicación web, que é unha das principais novidades desta edición. A aplicación permite coñecer todas as actividades ao abeiro do Plan Corresponsables, así como filtralas por provincia e por concello.

18.000 nenos e nenas en 2022

O plan promove, por segundo ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos menores ao cargo, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportivas para nenos e nenas de ata 16 anos de idade, ao tempo que fomenta a práctica deportiva entre a poboación máis nova, achegándolle distintas modalidades e favorecendo así a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás. Deste xeito acádase unha notable mellora na vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal. Estas actividades levaranse a cabo a través dos distintos programas deportivos das federacións deportivas galegas na anualidade 2023, para mellorar a vida cotiá das familias equilibrando o tempo laboral, familiar e persoal.

En 2022 participaron un total de 18 federacións deportivas de Galicia -baloncesto, balonmán, bolos, boxeo, esgrima, fútbol, halterofilia, hóckey, loita, montañismo, piragüismo, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, triatlón e pentatlón moderno e vela- leváronse a cabo, entre xuño e novembro, un total de 2.529 actividades das distintas modalidades deportivas en 175 concellos. Participaron 17.760 nenos e nenas, e o desenvolvemento do plan posibilitou a articulación, a tempo parcial, de 919 contratos de monitores ou monitoras, sendo 364 as persoas contratadas. Isto supuxo, unha superación sen precedentes das expectativas iniciais que supuxo un aumento do 120% en participantes e do 400% en actividades.

Ademais, tras o éxito colleitado, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, asinou un novo convenio coas tres universidades galegas -Universidade da Coruña (UDC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVIGO)-, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables cun orzamento duns 585.000 euros, sendo achegados pola Xunta 547.800.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2023