A Xunta adxudica por máis de 1,5 M€ o desenvolvemento da actualización do censo de industrias con autorización de vertedura e a realización de auditorías nas redes de saneamento e en depuradoras
Este contrato permitirá dispoñer a Augas de Galicia de apoio técnico para a revisión do censo de industrias obrigadas a obter autorización de vertido e para a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos
Os traballos, cun prazo de 24 meses, inclúe as inspeccións e toma de mostras nas industrias en colaboración coa gardería fluvial, así como a asistencia na detección e seguimento dos vertidos contaminantes e das medidas correctoras para a súa emenda
Realizaranse auditorías en depuradoras nas que Augas de Galicia ten asumida a xestión dos servizos municipais
Prestará asistencia no informe sobre o estado das instalacións municipais que os concellos soliciten que asuma Augas de Galicia, segundo o previsto na Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por máis de 1,5M€ os traballos de desenvolvemento da actualización do censo de industrias con autorización de vertedura e realizar auditorías nas redes de saneamento e en depuradoras
Mediante este contrato, adxudicado á empresa Cuartazona Ingeniería, S.L., Augas de Galicia contará con apoio técnico para a revisión do censo de industrias obrigadas a obter autorización de vertido e para a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos. Os traballos contan cun prazo de execución de 24 meses.
A través destes servizos de asistencia técnica, Augas de Galicia ten como obxectivo incrementar a inspección e control de verteduras industriais e de usuarios non domésticos aos sistemas de saneamento, así como a supervisión e auditoría das redes de saneamento municipais.
As actuacións de inspección e control de verteduras industriais e de usuarios non domésticos comprenden os traballos de actualización do censo de industrias obrigadas a obter permiso de vertedura ao sistema público de saneamento e depuración de augas residuais urbanas; así como a asistencia aos concellos na elaboración dos permisos de vertedura aos sistemas públicos de saneamento.
No contrato inclúense a realización das inspeccións e toma de mostras nas industrias e, no seu caso, o apoio á gardería fluvial nas súas tarefas. Ademais, prevé a asistencia aos concellos e a Augas de Galicia, tanto loxística como tecnicamente, na realización dos traballos de campo encamiñados á detección e seguimento dos vertidos industriais detectados e das medidas adoptadas polos titulares para a emenda do foco e o cumprimento do regulamento.
Auditorías das redes de saneamento
Ao abeiro deste contrato, a adxudicataria realizará tamén as auditorías das redes de saneamento que solicite Augas de Galicia. Entre os factores que se avaliarán inclúese a análise da entrada de volumes elevados de infiltración de augas brancas e augas pluviais nas instalacións; as entradas de auga de mar na rede de saneamento; os vertidos industriais que incumpren o requirido pola lexislación vixente; ou outras situacións anómalas que condicionan os caudais e cargas recibidos nas plantas de tratamento de augas residuais.
A este respecto, como mínimo, realizaranse auditorías no caso daqueles contratos de xestión de servizo público, concesión de obra pública ou servizo polos que Augas de Galicia asumiu o servizo de depuración de instalacións de titularidade municipal. Aquí inclúense as estacións de tratamento de augas residuais de Nigrán, Tragove (Cambados), Meaño, Gondomar, Umia (Ribadumia), Tomiño e Vilaboa.
O contrato tamén inclúe a colaboración coa entidade hidráulica da Xunta na elaboración do estudo e informe de inclusión das instalacións para as que se aprobe, segundo a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, a asunción da xestión dos servizos do ciclo da auga dos distintos concellos por parte de Augas de Galicia, sempre que o municipio solicite a dita encomenda de xestión da infraestrutura municipal da auga á Xunta.