O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá o Pavillón Deportivo de Vilariño de Conso
A Xunta comprométese na mellora das instalacións e adquisición de material deportivo dos concellos da provincia de Ourense
Gabriel Alén destacou que en Ourense foron beneficiarios 30 concellos que obtiveron un total de 43 axudas, que supuxo un investimento total na provincia de ao redor de 1,2 millóns de euros
Os importes das subvencións serán o 80 % do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-
A suma total destas axudas ascende a preto de seis millóns de euros dos que 3,4 millóns serán sufragados neste 2023 e os 2,4 restantes en 2024
O DOG publicou onte unha ampliación de crédito destas axudas para atender un maior número de peticións
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello de Vilariño de Conso para visitar, da man da súa alcaldesa, Melisa Macía Domínguez, as obras que se están a desenvolver no Pavillón Deportivo, ás que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asignou preto de 16.000 euros a través da liña I destinada á construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal.
Por unha banda, 13 concellos recibiron axudas tanto para as súas instalacións como para material deportivo: A Peroxa, Bande, Calvos de Randin, Castro Caldelas, Cartelle, Coles, Maceda, Muíños, O Irixo, Ribadavia, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Vilamartín de Valdeorras. Por outra banda, outros catorce municipios -A Merca, A Rúa, Avión, Baltar, Beariz, Castrelo do Val, Celanova, Esgos, Leiro, O Barco de Valdeorras, Oímbra, Taboadela, Vilamarín e Vilariño de Conso- recibiron subvencións para as súas infraestruturas; mentres que A Veiga, Cortegada e San Xoán de Río foron os tres concellos ourensás beneficiarios da liña II, para a adquisición material deportivo.
Cómpre salientar que os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.
Gabriel Alén explicou que dado o éxito desta convocatoria que provocou que algunhas solicitudes de entidades municipais foran desestimadas por esgotamento de crédito a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións. Esta nova orde publicouse onte no Diario Oficial de Galicia.