A Xunta lembra que se poden solicitar ata o 17 de agosto as novas axudas por 6 M€ para investimentos e contratacións no marco de iniciativas emprendedoras

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, visitou hoxe a empresa FlowReserve Labs, cualificada como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT) e que recibiu uns 120.000 € en apoios da Xunta

Lembrou que o Goberno galego ofrece incentivos de 6.000 euros por persoa desempregada contratada a tempo completo mediante contrato indefinido, ou fixo-descontinuo por un mínimo de nove meses no marco da nova liña de achegas

Tamén se apoiará o financiamento e investimentos realizados en equipamento informático, mobles ou reformas de locais con achegas de ata 90.000 euros

A nova liña destínase ao traballo autónomo, a pequenas e medianas empresas e a entidades da economía social con ata 42 meses de existencia
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, lembrou hoxe que ata o 17 de agosto se poden solicitar as axudas por un importe de 6 millóns de euros que se convocaron por primeira vez este ano, para o período 2023-2024, co fin de garantir a continuidade e consolidación de iniciativas de emprendemento cunha antigüidade máxima de 42 meses. Así o dixo na súa visita á empresa FlowReserve Labs, cualificada como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), onde recordou que nesta nova convocatoria se artellan achegas por investimentos que poden acadar os 90.000 euros e incentivos á contratación de persoas desempregadas de 6.000 euros por contrato.

En concreto, a Xunta destina axudas a entidades que poden acadar os 90.000 euros para compensar os seus investimentos de capital (a partir dun mínimo de 10.000 euros) en equipamento informático, mobles, reforma de instalacións, ou bens de equipo de segunda man, entre outros.

Estas achegas poden complementarse con incentivos de 6.000 euros por cada contratación de persoas en situación de desemprego (inscritas como demandantes de emprego no servizo público) coas que se formalice un contrato inicial indefinido a tempo completo, ou un de carácter fixo-descontinuo durante un mínimo de nove meses a xornada completa entre o 1 de xaneiro de e o 31 de outubro de 2024.

A Xunta dará prioridade no proceso de concorrencia competitiva mediante o que se tramitan os apoios a aquelas actividades con encaixe no sector industrial, da transformación e/ou comercialización de produtos, servizos do ámbito da economía e dos coidados (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…) ou da formación para o emprego en sectores prioritarios. Tamén recibirán maior valoración as iniciativas con base tecnolóxica, ou de especialización intelixente, as da economía social, as radicadas en contornas rurais, e as que destaquen polo seu compromiso coa igualdade e a presenza de mulleres e polo emprego xerado. 

Precisamente Flowreserve Labs, que se dedica á análise de imaxe médica de veas e arterias coronarias para a detección e prevención de cardiopatías, recibiu axudas da Xunta para a posta en marcha da súa actividade e para a creación de emprego, no marco da súa cualificación como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT). Tamén ao abeiro do Programa Investigo, que concede apoios para a contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas en empresas innovadoras coma esta. En total, Flowreserve Labs accedeu a uns 120.000 euros de achega pública que contribuíron -entre outras- á creación de seis postos de traballo.

Axudas ao emprendemento

O secretario xeral aproveitou para lembrar outra liña de apoios por 7 millóns de euros destinada a financiar iniciativas emprendedoras en activo que nacesen a partires do 1 de xaneiro de 2021, baixo a influencia da pandemia. Estes apoios poden solicitarse ata o vindeiro 29 de setembro. 

Son axudas para dar cobertura aos investimentos realizados desde o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude nestas empresas e os apoios van desde os 3.000 euros para o mínimo investimento financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para o máximo (100.000 euros) para dar cobertura a investimentos xa realizados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipos de segunda man, entre outros.

Pablo Fernández tamén recordou outras convocatorias abertas, como a destinada a que novas persoas autónomas fagan fronte aos gastos de apertura dos seus negocios ou a dirixida ás que queiran emprender melloras nos seus establecementos. A primeira destina 12 millóns a achegas que van entre os 2.000 e os 4.000 euros para cada solicitante; e a segunda conta cun orzamento de 8 millóns e as persoas receptoras poderán recibir ata 3.000 euros. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2023