A Xunta destina 1,1 M€ a entidades sen ánimo de lucro para promover a inserción laboral e social das vítimas de violencia de xénero, trata e explotación sexual

O DOG publica hoxe a resolución de dúas liñas de apoio diferenciadas destinadas á loita contra a violencia de xénero

Dunha banda, financiaranse con case 680.000 euros programas encamiñados a favorecer a integración laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, xa que o emprego é o primeiro paso para acadar a independencia con respecto do agresor

Outros preto de 450.000 euros dirixiranse a financiar proxectos para a recuperación e integración sociolaboral de vítimas de trata e de explotación sexual

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe senllas resolucións polas que se dá publicidade á concesión dun importe superior aos 1,1 millóns de euros a máis dunha vintena de entidades sen ánimo de lucro co gallo de que impulsen a inserción social e laboral das vítimas de violencia de xénero. En concreto, trátase de dúas liñas para favorecer, por unha banda, a integración laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero e, por outra, a recuperación e integración sociolaboral de vítimas de trata e de explotación sexual.

Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá primeiramente case 680.000 euros para apoiar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero. En concreto, financiaranse os programas deseñados por 14 entidades sen ánimo de lucro encamiñados a favorecer a integración laboral destas mulleres, xa que un emprego é o primeiro paso para acadar a independencia con respecto do agresor.

Os apoios, que inclúen unha contía máxima de 80.000 euros por entidade, van dirixidos á posta en marcha por parte dos colectivos beneficiarios das axudas de itinerarios de inserción que inclúan un plan de acción personalizado para a busca de emprego, orientación profesional e asesoramento laboral, así como un acompañamento na busca activa de traballo e outras accións dirixidas a incrementar as posibilidades de inserción laboral das participantes. Tamén se financian iniciativas de formación para o emprego co fin de formar e capacitar ás mulleres para o seu acceso ao mercado de traballo, así como actuacións de apoio á conciliación dirixidas a facilitar a participación das mulleres nas accións establecidas no seu itinerario de inserción sociolaboral e na formación para o emprego.

A Xunta, ademais, inclúe neste programa bolsas específicas para compensar determinados gastos nos que se poidan incorrer por participar no programa e que incentiven a súa participación no mesmo.

A orde de axudas establece a obriga de acadar un mínimo do 10% de inserción laboral das participantes na iniciativa. Desde 2016 participaron neste programa un total de 2.090 mulleres. Esta medida que impulsa a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade enmárcase nas accións incluídas por Galicia no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Trata e explotación sexual

Doutra banda, distribuiranse preto de 450.000 euros entre 12 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para levar a cabo proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

As axudas teñen como destinatarias as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro inscritas na área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e con domicilio social en Galicia. O importe máximo dos apoios ascende a 70.000 euros, e reciben maior puntuación as entidades que ofrezan acollemento residencial temporal para dar unha saída ás mulleres vítimas.

Entre as actuacións que financiará a Xunta, inclúense a atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais con vítimas da trata; asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións con entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos; atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou conductuais na procura da súa recuperación persoal; así como orientación e asesoramento xurídico e laboral.

O Goberno galego apoiará tamén os programas de atención en traballo de rúa, co obxectivo de chegar aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos cos que contan.

Desde 2016, ano no que se realizou a primeira convocatoria, concedéronse en Galicia axudas por valor de máis de 3,2 millóns de euros ás entidades, o que permitiu atender nestes sete últimos anos máis de 3.600 vítimas a través dos seus programas.

Estas axudas enmárcanse no conxunto de actuacións que a Xunta mantén desde hai anos para garantir a protección das vítimas a través de protocolos de detección destes casos e a derivación das vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual a profesionais de distintos ámbitos que lles axuden a acceder a recursos de asistencia especializados.

Galicia recoñece a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual como violencia de xénero, polo que poden acceder así á axuda económica mensual para as vítimas da violencia de xénero e aos recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e de apoio á inserción laboral, entre outros. Como novidade, a partir de 2023, inclúense tamén como vítimas de violencia de xénero as de explotación sexual, polo que tamén poderán acceder a todos estes recursos.

A Xunta, ademais, ten vixente o primeiro Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, co fin de articular políticas que dean unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual e contribuír á súa erradicación.

Ligazón á resolución de inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero no DOG:

Ligazón á resolución de recuperación e integración sociolaboral de vítimas de trata e de explotación sexual no DOG:

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2023