A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe unha explotación beneficiaria destas axudas

A Xunta destina 370.000 euros á contratación de persoas coidadoras de gando como medida de prevención ante os ataques do lobo

Do Campo salienta que se incrementa en 216.000 euros a partida inicialmente destinada a esta iniciativa novidosa para atender todas as solicitudes presentadas

Incide en que, entre os anos 2016 e 2023, a Xunta destinou preto de 8 M€ a previr e paliar os danos causados polos ataques do lobo

O Goberno galego mantén o seu compromiso de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e a conservación desta especie de fauna silvestre na Comunidade
 

Tomiño (Pontevedra), 9 de agosto de 2023

O Goberno galego destina 370.000 euros á contratación de persoas coidadoras de gando como medida de prevención ante os ataques do lobo, segundo dixo hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Durante unha visita á explotación Gandería Os Bravos SC, Do Campo salientou que o Goberno galego incrementa en 216.000 euros a partida inicialmente destinada a esta “iniciativa novidosa” para atender todas as solicitudes presentadas.

Tal e como detallou a directora xeral, o pasado mes de maio publicáronse as bases reguladoras destas axudas para os anos 2023 e 2024. A resolución desta convocatoria, o pasado mes de xullo, atendeu 9 solicitudes por un importe de 154.000 euros, quedando fóra da concesión outras 12 peticións, que cumprían os requisitos esixibles na convocatoria e que suporían un total de 216.000 euros.

Polo tanto, ante o interese económico e social á medida subvencionable, o Goberno galego decidiu conceder as axudas solicitadas que, cumprindo os requisitos e superando o procedemento de concorrencia competitiva, non puideron beneficiarse desta liña de financiamento por esgotamento do crédito dispoñible.

Deste xeito, a Xunta destinará un total de 370.000 euros a esta iniciativa que ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.

Con esta medida excepcional trátase de cumprir o obxectivo establecido polo Plan de xestión do lobo en Galicia de acadar unha integración entre as indemnizacións por danos e a adopción de medidas preventivas nas explotacións afectadas.

Cómpre lembrar que durante o ano 2021 levouse a cabo na Comunidade a actualización do estado poboacional de lobo ibérico en Galicia e os resultados obtidos do censo estiman a presenza de 93 mandas reprodutoras, concluíndo que a área de distribución do lobo ocuparía unha superficie de 26.908 km2, o que supón o 91% da superficie total do territorio galego.

Así mesmo, a evolución dos danos comunicados ao logo do período 2010-2022, amosan un mantemento continuo dos mesmos dada a distribución xeneralizada da especie na comunidade autónoma.

Ante isto, o Goberno galego mantén o seu compromiso de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e a conservación desta especie de fauna silvestre en Galicia. De feito, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda financia 3 ordes de subvencións para prever e minimizar o impacto do lobo.

Á liña de incentivos para contratar persoas coidadoras do gando en explotacións en réxime extensivo para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo das reses, hai que engadir as axudas destinadas á adquisición e instalación de valados fixos -400.000 euros-, e as que teñen como obxecto a compra e manutención de cans protectores, a adquisición de pastores eléctricos e a colocación de cerrumes con malla -700.000 euros-.

E, a maiores, a Xunta destina mais de 646.000 euros a compensar aos afectados polas perdas derivadas dos ataques desta especie.

“Entre os anos 2016 e 2023 o Goberno galego destinou preto de 8 millóns de euros a previr e paliar os danos causados polos ataques do lobo ao sector agrogandeiro”, concluíu a directora xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/08/2023