A Xunta de Galicia ofrece ata o domingo en Folgoso do Courel obradoiros abertos para achegarse aos oficios artesáns

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe a terceira edición do evento Artesanía de Galicia no Courel

Ademais dos talleres para o público adulto e infantil centrados en eidos como a cerámica ou a estampaxe, no programa inclúense tamén 12 cursos de iniciación en diferentes oficios que contan xa con todas as prazas cubertas
 

Folgoso do Courel (Lugo), 9 de agosto de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron hoxe a terceira edición do evento Artesanía de Galicia no Courel, que se celebra ata o domingo 13 de agosto en diferentes localizacións de Folgoso do Courel. Trátase dunha iniciativa centrada na divulgación dos oficios artesanais e da marca Artesanía de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e que conta coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel e da Fundación Uxío Novoneyra.

No programa de actividades inclúense 8 obradoiros abertos e gratuítos para o público adulto e infantil que terán lugar no Centro Cultural Fondo de Vila e na Fundación Uxío Novoneyra, así como 12 cursos de iniciación en diferentes oficios que contan xa con todas as prazas cubertas. O obxectivo destas actividades é tratar de divulgar os oficios artesanais e todos os valores que implica o feito á man para que futuros consumidores entendan o valor engadido da artesanía e mesmo futuros profesionais do sector vexan a artesanía como un modo de vida.

Durante cinco días, os visitantes que se acheguen ata Folgoso do Courel poderán participar nos talleres gratuítos e abertos que se estarán a desenvolver no Centro Sociocultural Fondo de Vila (Folgoso), en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas e mais na sede da Fundación Uxío Novoneyra (Parada), en horario de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas.

No Centro Cultural Fondo de Vila celebraranse os talleres de cerámica e de estampaxe. Os artesáns vigueses Carlos San Claudio e Nerea Carpente, de Peixe Nero, serán os encargados de impartir os cursos de torno cerámico e de pezas cerámicas en mesa, respectivamente, que se celebrarán do 9 ao 13 de agosto.

Sandra Betanzos, de Amorote Printing Workshop (Ames), encargarase de catro obradoiros de estampaxe que terán lugar en días diferentes. O 9 e o 13 de agosto celebrarase o de estampaxe de postais con selos, o 10 o de serigrafía téxtil, o 11 o de estampaxe creativa en téxtil e o 12 de agosto o de elaboración dun selo de follas autóctonas e estampaxe en papel.

Por outra banda, na sede da Fundación Uxío Novoneyra (Parada) terán lugar os obradoiros abertos impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), que se encargarán dos obradoiros Polos pés, entre o 9 e o 11 de agosto, e o de serigrafía e estampaxe, que se celebrará o 12 e o 13 de agosto.

No programa de actividades inclúense tamén 12 obradoiros de iniciación a diferentes oficios artesanais, para os que era necesaria inscrición previa e para os que están todas as prazas cubertas. En Froxán desenvolveranse dous cursos de cestería impartidos por Julia de la Cal, de La Parabólica (O Porriño): un de cesta redonda de vimbio, do 9 ao 11 de agosto, e outro de cesto de costelas, os días 12 e 13.

Na Escola Unitaria de Parada terán lugar os obradoiros de Iniciación á ourivería, con Susi Gesto (Santiago de Compostela), do 9 ao 13 de agosto; e dous obradoiros de macramé a cargo de Nai Diseños (Vigo): un centrado na elaboración dun tapiz, que se celebrará entre os días 9 e 11 de agosto, e outro centrado nun bolso, os días 12 e 13.

No aloxamento rural A Carbiña están previstas seis actividades de formación, dúas por cada temática, a primeira terá lugar do 9 ao 11 de agosto e a segunda os días 12 e 13. Natalia Moreno (Baiona) será a encargada de impartir os cursos sobre degradados e sombreados sobre téxtil; Minia Banet de Variopinto (Santiago de Compostela) dirixirá os cursos de bordado sobre fotografía; e Lola García de Logaro (Ourense) impartirá os cursos de bordado en la. Por último, na Fundación Uxío Novoneyra celebrarase un curso de elaboración de bancos de madeira, a cargo de Rodrigo Mosquera de Tresoficios (Teo), que terá lugar do 9 ao 13 de agosto, que pasarán a formar parte do mobiliario da Fundación Uxío Novoneyra.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/08/2023