A Xunta amplía as axudas para instalacións e material deportivo para concellos cunha nova orde de 2 M€

Esta nova orde, publicada hoxe no DOG, súmase á primeira convocatoria de 6M€ resolta a finais de xullo, que beneficiou a 148 concellos a través da concesión de 225 axudas

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a segunda convocatoria de 2023 para a concesión de subvencións, plurianuais e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.  

Esta nova orde, que conta cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, súmase á primeira convocatoria resolta a finais de xullo na que se repartiron outros 6 millóns de euros entre 225 axudas para 148 concellos.  

A nova convocatoria está dirixida a todas aquelas entidades cuxas solicitudes foron desestimadas por esgotamento de crédito na primeira convocatoria, así como para cubrir outras novas peticións. No primeiro caso, as solicitudes desestimadas por esgotamento de crédito, tramitaranse de oficio, polo que as entidades municipais non teñen que volver mandar a solicitude. 

Destes máis de 2 millóns de euros, 1,1 millóns serán executados neste 2023 (880.000 euros para instalacións e 110.000 euros para equipamento), mentres que os restantes 900.000 euros serán activados en 2024 (722.000 euros para instalacións e 181.000 euros para equipamento). No caso da primeira orde de 6 millóns de euros, 3,4 millóns serán sufragados neste 2023 e os 2,4 restantes en 2024.  

Cómpre salientar que os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.

 As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.gal). O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde mañá.  

Deste xeito, a Xunta sacará neste 2023 tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas. Ademais desta segunda orde para concellos de 2 millóns de euros que se suma á primeira orde de 6 millóns. Tamén cómpre destacar a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023 un total de 600.000 euros).  

Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Vicepresidencia Primeira en materia de deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/08/2023