A Xunta destina máis de 100.000 euros a dispositivos para a acollida de mulleres vítimas de explotación sexual e de trata en Santiago, Ourense e Lugo

A Secretaría Xeral da Igualdade vén de asinar senllos convenios con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e de Ourense, así como coa entidade Aliad Ultreia para garantir o funcionamento dos seus dispositivos de acollida

Cáritas facilita aloxamento, tratamento médico e psicolóxico, e información e asesoramento legal ás vítimas; mentres Aliad Ultreia tamén presta atención formativa ou laboral, con recursos propios ou en colaboración con outras entidades
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, vén de asinar convenios de colaboración con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e de Ourense, así como coa entidade Aliad Ultreia -emprazada en Lugo-, de cara ao mantemento de dispositivos para a atención e acollida de mulleres vítimas de explotación sexual e de trata. En total, a Xunta destina a estes acordos máis de 100.000 euros co gallo de financiar os gastos correntes de funcionamento destes dispositivos.

No que respecta a Cáritas, conta con senllos dispositivos en Santiago e Ourense destinados á atención integral a mulleres vítimas de explotación sexual e de trata nos que se lles presta acollida, axuda e asistencia directa. Co obxecto de garantir o seu funcionamento, o Goberno galego aporta 30.000 euros en cada caso, para que continúen a encargarse do servizo integral de atención, apoio, acollida e de recuperación ás vítimas, facilitando, cando menos, aloxamento, acceso a tratamento médico e psicolóxico, e información e asesoramento legal sobre servizos e programas.

Aliad Ultreia dispón en Lugo dun dispositivo de acollida destinado a facilitar un espazo onde as mulleres vítimas de explotación sexual ou en risco de sufrila, que buscan apoio para saír desa situación, poidan cubrir as súas necesidades básicas e contar con acompañamento nese proceso de saída, autonomía e reinserción sociolaboral. Nesa liña, a Xunta de Galicia aporta 45.000 euros para que poidan seguir facilitando non só aloxamento a estas mulleres, senón tamén acceso a atención educativa, psicolóxica, social, formativa e laboral, xa sexa por medio dos recursos propios da entidade como por medio da derivación e colaboración con outras entidades.

I Plan galego contra a trata de seres humanos

Cómpre sinalar que Galicia recoñece a trata de mulleres e de nenas como violencia de xénero, polo que poden acceder así á axuda económica mensual para as vítimas da violencia de xénero e aos os recursos de apoio xurídico, psicolóxico, social e de apoio á inserción laboral, entre outros. Como novidade, a partir de 2023, inclúense tamén como vítimas de violencia de xénero as de explotación sexual, polo que tamén poderán acceder a todos estes recursos.

A Xunta, ademais, ten vixente o primeiro Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, co fin de articular políticas que dean unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual e contribuír á súa erradicación.

 

Data de actualización: 09/08/2023