A delegada da Xunta traslada ao alcalde de Nigrán os avances para a rehabilitación do templo Votivo de Panxón do arquitecto Antonio Palacios

Ana Ortiz mantivo este martes unha xuntanza co rexedor no que abordaron a colaboración permanente desde o Goberno galego

A representante autonómica informou de que o proxecto de mellora do monumento xa está en fase de redacción para contratar este ano
 

Nigrán, 8 de agosto de 2023 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este martes unha xuntanza de traballo co alcalde de Nigrán, Juan González, dentro das reunións previstas con todos os rexedores da área.

A representante autonómica e o rexedor abordaron a colaboración permanente que xa se presta desde o Goberno galego para atender as necesidades do municipio. Entre os temas analizados, Ortiz informou ao alcalde que xa está en fase de redacción o proxecto para a rehabilitación do Templo Votivo de Panxón.

Ademais, a delegada avanzou que este mesmo ano estará acabado o mencionado proxecto para solucionar os problemas existentes neste monumento de gran valor histórico e artístico do arquitecto Antonio Palacios.

Ana Ortiz xa mantivo anteriormente encontros cos máximos responsables municipais de Baiona, Cangas, Moaña, Mos, O Porriño e Salvaterra de Miño despois de dirixirse por carta a todos os alcaldes da área territorial para poñer en común as súas axendas e fixar o antes posible unha xuntanza de traballo.

Ademais da cidade de Vigo, o ámbito da área territorial abarca os municipios de Cangas, Moaña, Soutomaior, Fornelos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023