A Xunta publica no DOG a encomenda a TRAGSA da mellora da estación depuradora de augas residuais de Noia, que suporá un investimento de máis de 2,3 M€

Intervirase na depuradora co fin de resolver as deficiencias de funcionamento e de capacidade desta instalación municipal e mellorar o saneamento da ría de Noia
 

Os traballos contan cun prazo de execución de 10 meses
 

As intervencións enmárcase na colaboración entre a Xunta, que executa e financia a actuación, e o Concello, que asume o mantemento das novas infraestruturas
 

Os traballos inclúense no Plan de saneamento local e redundarán na mellora da calidade de vida dos veciños e no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo
 

Nos últimos anos a Xunta leva investidos 4,7 M€ na mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio, garantindo a calidade das augas da ría
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a formalización da encomenda á Empresa de Transformación Agraria, S.A. S.M.E., M.P. (Tragsa) para executar a mellora da estación depuradora de augas residuais de Noia, cun investimento de máis de 2,3 M€.

Na seguinte ligazón ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/oc7dl

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 10 meses, céntranse na reforma, transformación e modernización dos distintos elementos que compoñen a planta de tratamento de augas residuais municipal e mellorar o saneamento da ría de Noia.

Esta nova intervención da Xunta inclúense no Plan de saneamento local e redundarán na mellora da calidade de vida dos veciños e no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo.

Actualmente as instalacións municipais de tratamento de augas residuais de Noia presentan deficiencias en distintos equipos de funcionamento e de capacidade, provocando vertidos contaminantes á ría. 

Ademais, o propio edificio que alberga a depuradora presenta deficiencias na estrutura, precisando da renovación da metade da cuberta e das baixantes, fundamentalmente polo ambiente corrosivo, así como da instalación dun bo sistema de ventilación para evitar que o proceso corrosivo se reproduza.

As obras a executar

Para solucionar estes problemas coa encomenda da entidade hidráulica da Xunta a Tragsa, os traballos céntranse na reforma, transformación e modernización dos distintos elementos que compoñen a planta de tratamento de augas residuais municipal. 

Máis concretamente, entre os traballos inclúese a instalación dunha nova reixa de grosos automática, previa ao bombeo de cabeceira, interceptando as conducións de entrada antes da reixa existente e deixándoa como by-pass, para o que se instalarán comportas para independizar cada unha das canles.

Tamén se instalará unha ponte desareadora desengraxadora que enviará as areas ao clasificador de areas e as graxas ao concentrador.

Disporase un novo equipo de produción de microburbulla para optimizar do proceso do sistema de flotación por aire disolto para a optimización do proceso da auga a tratar. 

Na reforma desta planta de tratamento de augas residuais inclúese, tamén, a instalación de novos equipos de dosificación de reactivos. 

As actuacións prevén a renovación da metade da cuberta do edificio que queda por substituír e das baixantes de recollida de auga. Tamén se incluirá a instalación de sistema de ventilación para a renovación do aire do edificio. 

Esta intervención enmárcase no convenio selado entre a Xunta e o Concello de Noia, polo que a administración autonómica se compromete a executar e financiar integramente as actuacións; e a administración local, pola súa banda, asume a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

A intervención será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Feder Galicia 2014-2020 e do programa Galicia Feder 2021-2027.

A Xunta leva investido nos últimos anos 4,7 millóns de euros en actuacións de apoio ao Concello de Noia en materia de infraestruturas hidráulicas, destacando a execución da rede de colectores xerais ou a mellora da depuradora.

Data de actualización: 08/08/2023