A Xunta destina máis de 3,6 M€ en axudas extraordinarias ao sector da acuicultura para paliar os efectos da guerra de Ucraína

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que compensa ata o 100 % dos custos adicionais nos que incorreron as empresas deste ámbito no 2022 trala invasión rusa
 

Estas achegas cobren a suba dos carburantes de buques auxiliares, dos envases e embalaxes, da electricidade, fariñas de peixes, pensos e osíxeno
 

A estes apoios seguiranlle os destinados con este mesmo fin á frota pesqueira e á industria transformadora e en conxunto sumarán arredor de 15 M€
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

A Consellería do Mar pon a disposición do sector da acuicultura de Galicia máis de 3,6 millóns de euros en axudas para paliar os efectos da guerra de Ucraína. Así o especifica a convocatoria destas achegas publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), e que permitirá compensar ata o 100 % dos custos adicionais nos que incorreron as empresas deste ámbito no ano 2022 trala invasión rusa.

Poderán beneficiarse destes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), as empresas titulares de establecementos de acuicultura en calquera ou en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima e que teñan as súas instalacións na comunidade autónoma de Galicia.

Os custos obxecto de compensación son, por unha banda, o incremento de prezos rexistrado do 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022 no combustible dos buques auxiliares deste sector e no consumo eléctrico das súas instalacións de produción. Ademais permitirá afrontar as subas extraordinarias nos envases e embalaxes de plástico.   

Por outra banda, tamén serán subvencionables os custos excepcionais nos que incorresen os establecementos de cultivo na utilización de fariñas de peixe, alimentos, pensos e oxíxeno, neste caso no período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2022.

A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 100% do gasto subvencionable para as empresas que teñan a consideración de microempresas, pequenas ou medianas empresas (pemes). Para as de maior tamaño a contía máxima da axuda será de ata o 80% do gasto subvencionable. O apoio total a conceder non poderá exceder os 300.000 € por empresa, con independencia das instalacións ou barcos dos que dispoña. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá mércores.

Axudas para a frota e o sector transformador

A guerra de Ucraína xerou graves consecuencias na economía da Unión Europea e os seus estados membros. A invasión por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022 afectou aos operadores do sector da pesca e acuicultura de toda a UE, orixinando incrementos importantes dos custos e alteracións do comercio. Ante esta situación modificouse o regulamento do FEMP para permitir habilitar medidas que mitigasen este impacto nos operadores da pesca e da acuicultura.   

A dedicada ás empresas de cultivos mariños é a primeira orde en aparecer publicada no DOG e a ela sumaranse en próximos días as convocatorias de axuda para a frota pesqueira e para a industria transformadora. En total, a Xunta prevé mobilizar arredor de 15 millóns de euros nas tres vías de apoio para paliar o impacto da guerra en Ucraína na cadea mar-industria.      

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 08/08/2023