A Xunta licita a contratación do servizo de mantemento dos edificios da administración de xustiza
O novo contrato terá unha vixencia de 24 meses prorrogables e un importe superior aos 4,3 millóns de euros
A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación da contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de mantemento dos edificios destinados a sedes da Administración de Xustiza na comunidade, por un importe superior aos 4,3 millóns de euros e cunha vixencia de 24 meses prorrogables.
A nova licitación ten por obxecto determinar as condicións ás que se axustará a prestación do servizo de mantemento dos edificios xudiciais e dos seus equipamentos.
Así, inclúense novas prestacións que suporán unha mellora na execución do servizo con respecto ao contrato vixente como, por exemplo, a actualización e modernización de ascensores; o mantemento do circuíto pechado de televisión e intrusión (CCTV); inspeccións dos sistemas de Protección Contra Incendios (PCI); certificados de eficiencia enerxética, servizos especializados, así como programas de control dos equipos de enerxía térmica e de biomasa e de subministro de biocombustible para os xeradores; programas de control de novas instalacións e de medicións de enerxía e novos equipos e instalacións.
Por outra banda, adecúanse os custos de persoal ás actualizacións producidas nos últimos anos en base aos convenios colectivos de aplicación.
Finalmente, o contrato recolle unha revisión dos prezos como consecuencia do incremento de custo das subministracións necesarias para a correcta execución do servizo, sobre todo polo aumento da enerxía e dos combustibles e das materias primas, pezas e materiais.