A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe cos nenos e mozos que participan nas accións de verán que se desenvolven en Portomarín e en Palas de Rei

A Xunta fomenta a participación en actividades de ocio e tempo libre cos campamentos e campos de voluntariado que teñen lugar na provincia de Lugo

No albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín celébranse entre xullo e agosto cinco quendas nun campamento centrado no contacto coa natureza e as actividades deportivas

En Palas de Rei ten lugar un campamento de deportes e aventura, así como un campo de voluntariado cuxa actividade principal é apoiar aos peregrinos e dinamizar o treito do Camiño que pasa por este concello.

Portomarín e Palas de Rei (Lugo), 7 de agosto de 2023

A Xunta destaca a ampla oferta de actividades de lecer e tempo libre para a mocidade coa que conta a provincia de Lugo no marco da campaña de verán deste ano. Así o destacou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que na xornada de hoxe visitou os participantes nos campamentos e campos de voluntariado que se desenvolven en Portomarín e en Palas de Rei.

Cristina Pichel, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, acompañou aos nenos que, ata mañá, desfrutan de numerosas actividades de contacto coa natureza e deportivas no campamento que ten como sede o albergue xuvenil Benigno Quiroga de Portomarín. Este é a cuarta quenda das cinco ofertadas para os meses de xullo e agosto neste campamento, que leva por título ‘A miña primeira aventura’. Tiro con arco, slacline, construcións naturais e técnicas de vivac, actividades na piscina e obradoiros de ciencia divertida ou de conservación do medio ambiente e reciclaxe, son algúns dos contidos desta proposta de verán.

A directora xeral, acompañada do alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada, tamén visitou tanto o campamento como o campo de voluntariado que se celebran no albergue ‘Os Chacotes’. As actividades do campamento están centradas nos deportes e na aventura e os nenos teñen a oportunidade de montar en caiac, facer escalada en rocódromo ou subirse a unha bicicleta de montaña, ademais de visitar o castelo de Pambre.

Poñer en valor o Camiño

Pola súa parte, no campo de voluntariado un grupo de doce persoas procedentes de Galicia e doutras comunidades de España, así como Francia, México e Italia, axudan aos peregrinos que pasan por este concello na súa andaina cara a Santiago de Compostela. A través deste campo contribúen a dinamizar treito do Camiño que percorre Palas de Rei, poñendo en valor o sendeiro que transcorre polo castelo de Pambre, a ponte medieval ou a antiga central eléctrica de Coello.

Cristina Pichel destacou o liderado de Galicia en materia de accións de verán, xa que a través da campaña deste ano se ofrecen mais de 11.200 prazas en distintas actividades: campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos ou intercambios con outras Comunidades Autónomas. Así mesmo, apuntou a importancia que ten a programación estival da Xunta para favorecer a participación dos nenos e mozos en actividades de lecer cunha vertente formativa, dar máis opcións de conciliación ás familias e contribuír a dinamizar o sector do ocio e tempo libre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023