O consorcio Casco Vello de Vigo sortea as últimas catro vivendas rehabilitadas na rúa Real

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, visitou este luns a sede da Asociación Évame-Oroza que se instalou nun dos locais alugados grazas ao concurso público

O edificio administrativo do Goberno galego na cidade acollerá o vindeiro mércores (10:00 horas) o sorteo das catro vivendas integrantes da última promoción levada a cabo polo Consorcio Casco Vello

Cinco proxectos de rehabilitación en marcha e outros nove planificados, cun investimento total de 3 millóns de euros, están paralizados pola negativa do Concello de Vigo a aprobar o orzamento

Vigo, 7 de agosto de 2023 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, visitou este luns o local da rúa Subida á Costa no que se instalou a Asociación Évame-Oroza grazas ao concurso público levado a cabo polo organismo autónomo para reactivar o barrio histórico coa rehabilitación dunha vintena de locais para o seu alugueiro a emprendedores.

Durante a visita, a representante autonómica anunciou que este mércores levarase a cabo o sorteo das catro vivendas integrantes da promoción Real 13, impulsada polo Consorcio. O proceso lévase a cabo unha vez finalizado o prazo de presentación de alegacións á relación provisional publicada o pasado mes de xullo.

Segundo explicou, finalmente son 63 os candidatos admitidos do total de 71 persoas que presentaron a súa solicitude para acceder ás vivendas promovidas polo CCVV na rúa máis emblemática da zona histórica de Vigo. O sorteo para a adxudicación da orde de selección das candidaturas admitidas terá carácter público e levará a cabo na sede administrativa da Xunta de Galicia en Vigo (10:00 horas).

Vivenda protexida

“Co sorteo poñemos a disposición dos vigueses nova vivienda protexida”, sinalou a máxima responsable do organismo autónomo. A reforma do inmoble foi adxudicada en concurso público a Prace Servizos e Obras S.A. por un importe de  557.350,43 euros (IVE incluído).

A delegada destacou que esta nova edificación é unha das de maior volume construtivo na zona baixa do casco histórico vigués e permite engadir catro vivendas e un local comercial ao parque do Consorcio Casco Vello. Cada unha das novas residencias ten unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e conta cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos.

O edificio, que tivo que ser baleirado debido ao seu mal estado de conservación, manten a súa fachada de pedra con grandes ventás, sen dúbida o elemento máis característico desta centenaria construción, como se recolle na ficha correspondente do PEPRI do Casco Vello.

Bloqueo do Concello

“Por desgraza a día de hoxe continúa o bloqueo por parte do Concello, que votou en contra do orzamento e do plan de actuacións, polo que non podemos levar a cabo máis rehabilitacións nin comprar máis inmobles para reformar”, sinalou Ana Ortiz.

A delegada lembrou que o Goberno municipal xa bloqueara hai dous anos a iniciativa da Xunta para un novo proxecto cultural con emprendedores e que a día de hoxe ten paralizado o orzamento e o plan de investimentos. “A xestión do Consorcio continúa adiante e logramos dinamizar a zona a pesar da negativa do Concello á rehabilitación do Casco Vello ”, recalcou.

Así, lembrou que actualmente existen cinco proxectos en diferentes fases de execución que están paralizados e outras nove edificacións que xa estaban planificadas para o seu inicio e que actualmente están paralizadas por falta de orzamento. “Non podemos investir 3 millóns de euros destinados a vivenda protexida e a actividade comercial e cultural pola negativa ás partidas”, apuntou.

Aluguer de locais

Por último, a representante autonómica destacou a reactivación da zona grazas ao concurso público que logrou adxudicar 18 dos 20 locais rehabilitados no Casco Vello. O proceso aberto polo organismo autónomo pechouse o pasado ano e a maioría dos adxudicatarios, entre eles artesanos, autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais, xa comezaraon a súa actividade no Casco Vello vigués.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023