A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense

O episodio prevese que comece ao mediodía de mañá con máximas de ata 40 graos
 

Na xornada de hoxe xa estará en alerta amarela esta zona do Miño en Ourense xunto coa do Miño en Pontevedra e as Rías Baixas
 

Mañá estarán en alerta amarela por temperaturas máximas ata os 38 graos o resto da provincia ourensá, toda a provincia de Pontevedra e o interior e suroeste da Coruña
 

A Xunta recorda a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
 

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para mañá a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece arredor do mediodía con temperaturas máximas de ata 40 graos.  

Na xornada de hoxe xa está activa a alerta amarela por máximas de 36 graos nesta zona da provincia ourensá e mañá pasará a laranxa. Tamén hoxe o aviso é de nivel amarelo nas Rías Baixas e na zona do Miño en Pontevedra con temperaturas que poden acadar os 35 graos. Mañá, ademais da alerta laranxa na zona do Miño en Ourense, o nivel amarelo estenderase ao resto da provincia ourensá, a toda a provincia de Pontevedra, así como ao interior e o suroeste da Coruña por máximas de entre 34 e 38 graos, segundo a zona.  

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas. 

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellable manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol.  

Por último, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023