A Xunta reafirma a súa aposta pola innovación e a transferencia de coñecementos como fórmulas para impulsar a competitividade no agro galego

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria incidiu hoxe neste eido durante a súa visita a Agrosoneira, empresa situada en Vimianzo e dedicada, entre outras tarefas, á fabricación e comercialización de pensos para animais de granxa
 

José Luis Cabarcos puxo en valor medidas como as axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, que na última convocatoria están dotadas con 5,58 millóns de euros
 

Vimianzo (A Coruña), 7 de agosto de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou este mediodía as instalacións da empresa Agrosoneira, situada en Vimianzo, cuxa actividade principal está centrada na fabricación e comercialización de pensos para animais de granxa.

O responsable da Axencia -adscrita á Consellería do Medio Rural- coñeceu tamén os proxectos que está desenvolvendo esta entidade en relación co sector lácteo, vinculados á produción e venda de leite. Neste sentido, José Luis Cabarcos puxo en valor este eido produtivo como referente do agro galego e reafirmou a aposta da Xunta pola innovación e a transferencia de coñecementos como fórmulas claves para incidir na mellora da súa competitividade.
 
Nesta liña, o director salientou que o Goberno galego apoia a implementación do I+D+i no rural en xeral e no lácteo en particular a través de medidas como as axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI). Estas subvencións están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027.
 
Así, Cabarcos remarcou que a última convocatoria destas achegas está  dotada con 5,58 millóns de euros e oriéntase cara a creación e funcionamento dos devanditos grupos operativos. O obxectivo é que estas entidades contribúan a modernizar a agricultura e as zonas rurais, fomentando e poñendo en común o coñecemento, a innovación e a dixitalización mediante a mellora do acceso á investigación ou á innovación. Precisamente a innovación e o asesoramento é un dos eidos nos que traballa Agrosoneira, como puido comprobar hoxe o director da Axencia.
 

Data de actualización: 07/08/2023