A Xunta reforza a concienciación sobre a influencia do cambio climático nas emerxencias cunha exposición itinerante na área transfronteiriza

O Goberno galego participa na mostra, enmarcada no proxecto ‘Protempo’ a prol da transferencia de coñecementos aos grupos de poboación máis vulnerables nas distintas situacións derivadas das emerxencias climáticas

O obxectivo é incrementar a rapidez e a eficacia da resposta dos efectivos de emerxencias, ademais da súa coordinación coa cidadanía, ante os desastres naturais
 

O Porriño (Pontevedra), 7 de agosto de 2023

 

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participaron hoxe nunha exposición itinerante que percorrerá a área transfronteiriza para concienciar a poboación ante as emerxencias derivadas do cambio climático e dos desastres naturais.

Enmarcada no proxecto Protección Transfronteiriza de Emerxencias dirixida á Poboación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (Protempo), a iniciativa ten como obxectivo promover a concienciación sobre o cambio climático e a prevención e xestión de riscos, así como aumentar a resiliencia territorial ante os perigos naturais nas zonas de fronteira.

A mostra está integrada por paneis e material audiovisual sobre as situacións de risco na Eurorrexión, as causas, o impacto e os recursos para combatelas. O seu percorrido arrinca no centro socio cultural do Porriño, onde estará dispoñible para a poboación ata este mércores. A continuación, será posible achegarse a coñecer o proxecto Protempo e o contido do diverso material multidisciplinar interactivo nas poboacións de Salvaterra de Miño, As Neves, Ponteareas e Tomiño, onde finaliza o 6 de setembro.

Mediante Protempo, a Xunta busca reforzar a transferencia de coñecementos aos grupos de poboación máis vulnerables, a cativada e as persoas maiores, co fin de que sexan conscientes e teñan a capacidade para actuar ante os riscos de emerxencias relacionados co cambio climático, cada vez máis frecuentes e de maior virulencia. Trátase así de conseguir un incremento da eficacia na prevención, mediante campañas e accións de capacitación cara a un público obxectivo con menor coñecemento sobre como auto protexerse ante as distintas situacións da emerxencia climática.

Maior coordinación coa cidadanía

Ademais, a finalidade do Goberno galego como socio do proxecto, no que tamén participa Portugal mediante a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, é incrementar a rapidez e a eficacia da resposta dos efectivos de emerxencias, e a súa coordinación coa cidadanía, ante os desastres naturais.

Neste senso, desde a Xunta invístese en material e no desenvolvemento de mecanismos conxuntos para ambos os lados da fronteira co obxectivo de facerlles fronte a riscos específicos, como son as inundacións ou os incendios forestais. Entre os recursos destacan a Nova Rede de Mando Operativo Único, os diversos equipamentos adquiridos e as diferentes formacións recibidas polos profesionais.

Co proxecto Protempo, que comezou no ano 2011 como Ariem112 e despois como ARIEM_PLUS, dótase de medios aos diferentes servizos de emerxencias, realízanse simulacros para perfeccionar a coordinación entre as distintas institucións ante unha catástrofe natural e lévanse a cabo a difusión de material de auto protección a través dos distintas canles informativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2023