O presidente galego participou na VIII Gala solidaria organizada polo Grupo Hotusa en beneficio da AECC na illa da Toxa

A Xunta reafirma o seu compromiso na mellora da prevención e dos tratamentos contra o cancro

Rueda gradece á Asociación Española Contra o Cancro e a todos os seus voluntarios o apoio que prestan aos doentes e aos seus familiares
 

Adianta que o primeiro centro de produción de medicamentos CAR-T de Galicia estará funcionando nos primeiros meses de 2024
 

Sinala que xa se está avanzando no centro de protonterapia coa intención de que sexa o primeiro de España en poñerse en marcha e que este ano se completará a extensión do programa de cribado de cancro de cérvix a toda Galicia
 

O Grove (Pontevedra), 5 de agosto de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe que o Goberno galego está comprometido cunha mellora continua da prevención e dos tratamentos contra o cancro que se prestan no servizo público de saúde, e apostou por seguir avanzando por ese camiño.

Así o sinalou durante a súa intervención na VIII Gala solidaria que o Grupo Hotusa organiza desde hai oito anos na illa da Toxa en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), e que reuniu a máis de 150 representantes da sociedade civil. No acto estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
 
O titular do Executivo galego avanzou algúns dos fitos fundamentais que se están impulsando en Galicia para reducir a incidencia desta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos pacientes. Así, destacou que están en marcha tres programas de cribados: de cancro de mama, colorrectal e de cérvix. Con respecto a este último, avanzou que, o que comezou como unha experiencia piloto, xa funciona en catro áreas sanitarias e este ano completará a súa extensión a toda Galicia. 

Lembrou tamén que a Xunta aprobou o ano pasado unha Estratexia de xestión do cáncer en Galicia que, entre outras novidades, prevé un programa de seguimento para as persoas que finalizan un tratamento oncolóxico; a creación dunha rede colaborativa con atención primaria; ou o aumento da capacidade investigadora.  

Produción de medicamentos CAR-T e Centro de protonterapia

Ademais, na súa intervención tamén fixo especial fincapé na importancia do ámbito da innovación. Ao respecto, avanzou que a previsión é que o primeiro centro de produción de medicamentos CAR-T de Galicia estea funcionando en probas a finais deste ano e xa de forma efectiva nos primeiros meses do 2024; así como que xa se está avanzando no centro de protonterapia, coa intención de que sexa o primeiro de España en poñerse en marcha. 

Por último, o presidente agradeceu o traballo que realiza a AECC e todos os seus voluntarios no apoio aos pacientes con cáncer e as súas familias, e aproveitou a oportunidade para mandar unha mensaxe de apoio e cariño a todos eles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2023