A Xunta pon á disposición da cidadanía un visor web con información cartográfica do territorio regulado pola Lei de ordenación do litoral de Galicia

Esta ferramenta dixital permitirá ao usuarios coñecer de primeira man os usos permitidos en cada unha das áreas que identifica a norma normativa

Grazas a este visor, determinouse que o territorio comprendido no marco regulatorio desta lei abarca unha superficie de 1.613.481 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2023

A Xunta pon en marcha un visor web a través do que cidadanía, empresas e administracións poderán acceder a información cartográfica do territorio regulado pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que entrou en vigor recentemente.

Esta ferramenta dixital, desenvolvida polo Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, permitirá aos usuarios coñecer de primeira man tanto a área na que se localizan os terreos do seu interese como os usos permitidos.

Deste xeito, o visor web ofrece un mapa cun nivel de zoom de detalle establecido a 1:2000 e que contén a Base Topográfica de Galicia como fondo de referencia sobre a que se superpoñen as capas dos diferentes ámbitos recollidos na Lei de ordenación.

 

Así, a Área de Protección Ambiental (APA), que é aquela con características naturais singulares e valores ambientais excepcionais que deben ser especialmente protexidos, inclúe a zona comprendida entre a liña de 12 millas náuticas ata a liña de ribeira de mar -espazo marítimo-terrestre comprendido entre a liña de máxima baixamar viva e o límite ata o que chegan as ondas nos temporais máis grandes coñecidos- e os espazos naturais protexidos -parques naturais, humidais protexidos, Rede Natura, monumentos naturais, e paisaxes protexidas, entre outros-.

 

Na Área de Reordenación (ARA), o mapa ofrece capas coa delimitación dos solos urbanos e dos núcleos rurais, en base aos datos dispoñibles no Sistema de Información de Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia (Sioutuga); coas zonas de servizo de cada un dos portos de titularidade autonómica, e coas liñas do dominio público marítimo terrestre. Cómpre lembrar que esta área reúne os espazos transformados pola acción urbanizadora e espazos degradados, de difícil ou imposible re-naturalización, que esixen accións de reordenación, orientadas a non agravar o deterioro, a humanizar os espazos e renovar os elementos e o seu entorno.

 

E, no que respecta á Área de Mellora Ambiental e Paisaxística (AMAP), contén os espazos non incluídos nas anteriores zonas.

 

A maiores, o visor web tamén incorpora unha sección coas áreas recollidas no Plan de Ordenación do Litoral (POL), como, por exemplo, os espazos de interese paisaxístico ou xeomórfico, os corredores ecolóxicos ou as áreas intermareal e costeira.

 

Coa posta en marcha deste visor dáse cumprimento á disposición final terceira da Lei do litoral de Galicia, na que se recolle que a información cartográfica necesaria para a aplicación desta norma estará dispoñible no enderezo electrónico da consellaría con competencias en materia de medio ambiente.

Superficie regulada pola lei de ordenación do litoral

 

No marco dos traballos para desenvolver este visor web tamén puido establecer a superficie total comprendida no marco regulatorio da lei de ordenación e xestión integrada do litoral. Son 1.613.481 hectáreas, das que 531.341 ha son terrestres e 1.082.140 ha, mariñas.

Tamén se estableceu o territorio que abarca cada unha das áreas determinadas pola devandita lei. Deste xeito, a Área de Protección Ambiental comprende un ámbito de 1.137.037 hectáreas -1.080.985 ha mariñas e 56.052 ha terrestres-, mentres que a Área de Reordenación abarca 58.726 hectáreas e a de Mellora Ambiental e Paisaxística inclúe 417.718 hectáreas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2023