O primeiro exame para a cobertura de 89 prazas de policía local en 24 concellos será o 23 de setembro

Así o acordou o tribunal que avaliará o proceso selectivo, constituído hoxe nunha xuntanza celebrada na Academia Galega de Seguridade Pública


A proba xuntará máis dun milleiro de aspirantes e terá lugar no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda

 

A Estrada (Pontevedra), 4 de agosto de 2023 O primeiro exame para a cobertura de 89 prazas de policía local en 24 concellos será o 23 de setembro ás 10,00 horas. Así o acordou o tribunal encargado de avaliar o proceso selectivo na súa sesión constituínte, celebrada hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). A proba xuntará máis dun milleiro de aspirantes e terá lugar no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.

O exercicio consistirá na realización dun test dun cento de preguntas con catro respostas posibles, sobre os 40 temas que compoñen o contido teórico de acceso. Entre eles figuran dereito constitucional e penal, policía administrativa, tráfico e seguridade viaria, así como deontoloxía policial, violencia de xénero e dereitos humanos.

Segundo acordou tamén o tribunal na xuntanza de hoxe, as 300 persoas coas mellores cualificacións serán convocadas ao terceiro exercicio, de aptitude física e que inclúe probas de velocidade, de potencia de trens superior e inferior, de resistencia xeral e de natación. O segundo exercicio correspóndese co coñecemento da linga galega, do que están exentos quen acheguen certificado de Celga 4 ou equivalente.

Realizarase tamén unha proba psicotécnica para determinar as actitudes e aptitudes persoais e a súa adecuación ás funcións policiais. Os exercicios culminan cun recoñecemento médico para garantir que as persoas aspirantes estean nas condicións axeitadas para o desenvolvemento das funcións policiais.

As persoas aspirantes que cheguen ao final do proceso deberán entón superar o curso selectivo de formación teórica e práctica para ser finalmente nomeado persoal funcionario de carreira na categoría de policía no correspondente concello.

Concellos que ofertan prazas

Dos municipios que ofertan prazas a meirande parte son da provincia da Coruña, coa Coruña, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Ferrol, Muxía, Narón, Noia, Padrón e Porto do Son. Da provincia de Pontevedra figuran prazas nos concellos de Baiona, Caldas de Reis, Cuntis, Gondomar, Marín, Ponteareas, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. A todos estes súmase o de Lugo. A Coruña é a localidade que oferta maior número de vacantes, con 30, seguida de Vigo e Lugo, con 9, de Padrón con 4 e de Carballo con 3. As demais ofertas oscilan entre unha e dúas prazas.

Data de actualización: 04/08/2023