A Xunta destaca en Marín o impulso das asociacións de comerciantes á dinamización do sector
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na inauguración da feira Stock Marín, organizada polo Centro Comercial Local Estrela de Marín co apoio da Administración autonómica
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na inauguración da cuarta edición da feira Stock Marín, que se celebra ata o domingo no municipio pontevedrés coa participación de máis dunha vintena de negocios locais. O encontro, organizado polo Centro Comercial Local Estrela de Marín, conta co apoio da Administración autonómica.
Na súa intervención, Heredia destacou o importante papel que xogan as asociacións de comerciantes na dinamización do sector. Neste eido, a Xunta de Galicia vén de conceder axudas por 2,2 millóns de euros cos que se apoia o labor de 52 centros comerciais abertos e sete federacións e asociacións de comerciantes de ámbito superior ao municipal.
Nas convocatorias que veñen de resolverse os centros comerciais abertos contan con apoios para o mantemento de portais de marketplace e iniciativas de dinamización comercial e de fidelización da clientela, ademais do mantemento da unidade xerencial. Estrela de Marín conta cunha axuda de 52.000 euros.
Por outra banda, o programa destinado ás asociacións de ámbito superior ao municipal e federacións achega financiamento para campañas e eventos de promoción e dinamización comercial.