A Xunta destina 400.000 euros a reforzar a actividade investigadora de oito finalistas da convocatoria do Consello Europeo de Investigación (ERC)

Os apoios establécense mediante un convenio entre a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, así como as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e máis a Misión Biolóxica de Galicia e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (ambas do CSIC)

Grazas ao programa Oportunius xa se concederon 24 apoios a 17 finalistas e realizáronse 238 asesoramentos

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2023

A Xunta destinará 400.000 euros a reforzar a actividade investigadora de oito finalistas das convocatorias de axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) que non recibiron financiamento. O obxectivo é incrementar as posibilidades de obter este recoñecemento en vindeiras convocatorias.

 

Deste xeito, as axudas, enmarcadas no programa Oportunius, estableceranse mediante convenio entre a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación; a consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; así como as universidades galegas - as de Santiago de Compostela (catro finalistas), A Coruña (un finalista) e Vigo (un finalista), ademais do Instituto de Ciencias do Patrimonio CSIC (cun finalista) e a Misión Biolóxica de Galicia CSIC (con outro finalista).

 

O obxectivo do convenio é ofrecer a estas entidades fondos destinados a apoiar a actividade do persoal investigador que chegou á fase final nunha das convocatorias do ERC e non obtivo financiamento. Deste xeito, contribúese a que poidan desenvolver  actividades que melloren o seu proxecto de investigación, incrementando as súas posibilidades de obter a axuda do ERC. A vocación é situar a investigación realizada en Galicia na vangarda da ciencia e a tecnoloxía como eixo fundamental de desenvolvemento económico e social.

 

O programa Oportunius busca reter e atraer investigadores e investigadoras excelentes de calquera nacionalidade para que desenvolvan a súa carreira en Galicia, formar persoal científico con potencial para conseguir as axudas europeas ERC e incorporar talento investigador.

 

O labor desenvolvido polos investigadores e investigadoras que traballen en Galicia grazas ao programa Oportunius convértese en fonte de coñecemento excelente para facer realidade os retos establecidos na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, achegando importantes retornos en termos de coñecemento excelente, competitividade científica e económica, prestixio internacional e mobilización do talento.

 

Desde a posta en marcha do programa, xa se concederon 24 apoios a 17 investigadores e investigadoras finalistas; así como 238 asesoramentos e 19 obradoiros formativos coa participación de máis de 390 investigadores e investigadoras.

 

Con este programa, o Goberno galego pretende captar e reter talento e súmase a outras iniciativas como Doutoramento Industrial, Ignicia ou as axudas aos investigadores para desenvolver a súa carreira predoutoral e postdoutoral.

Data de actualización: 05/08/2023