A Xunta completa a nova climatización do Hospital do Meixoeiro

A finalización desta actuación, cun importe total de 3,7 millóns de euros, supón realizar investimentos por valor de 22 millóns de euros neste hospital desde 2015

Vigo, 6 de agosto de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do xerente da área sanitaria, Javier Puente, visitou esta semana o Hospital do Meixoeiro, para comprobar in situ a nova climatización, que xa chega a todos os pacientes ingresados. A finalización desta actuación, cun importe total de 3,7 millóns de euros, supón completar investimentos por valor de 22 millóns de euros neste hospital desde 2015.

A nova climatización consiste na produción de frío e calor simultaneamente a través de dúas novas máquinas polivalentes de alta eficiencia a catro tubos, combinadas con 13 recuperadores de calor entálpicos, que proporcionan aire de alta calidade a toda a zona de hospitalización así como ás zonas de traballo a través de fancoils instalados en todas as habitacións e espazos de traballo. Así mesmo, instalouse un climatizador de alta eficiencia específico para atender ás habitacións de illados, coas mesmas características de frío e calor e aire de alta calidade.

Investimentos

Cómpre remarcar que, desde 2015, ano de apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, a Xunta apostou por reforzar tamén o hospital do Meixoeiro para modernizalo e amplialo, cuns investimentos totais de máis de 22 millóns de euros. Así, adaptouse o baixo andar para convertelo no laboratorio central da área sanitaria de Vigo, creouse un novo laboratorio de microbioloxía e efectuáronse melloras nos accesos e na lavandería.

Do mesmo xeito, investíronse máis de catro millóns de euros nas obras de implantación da unidade de mama, a reforma do servizo de medicina nuclear e a ampliación do servizo de radioloxía.

Por último, no ano 2021 finalizouse, tras un investimento de case sete millóns de euros, a obra de mellora das envolventes térmicas para asegurar a estanquidade dos edificios e mellorar a súa eficiencia enerxética. Con ela incrementouse o illamento térmico no acabado da fachada, substituíronse as carpinterías e renováronse as cubertas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2023