As piscinas do Complexo deportivo de Monterrei abren ao público este mércores cunha cabida de 1.800 persoas e acceso gratuíto

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou o parque acuático no concello ourensán do Pereiro de Aguiar

As piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash estarán abertas todos os días ata o 20 de setembro, en horario ininterrompido desde as 12,00 ata as 21,00 horas
 

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 4 de agosto de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, onde anunciou que o as instalacións abrirán ao público o vindeiro mércores día 9. Nesta data poranse en marcha as piscinas infantil, relax e de ondas, así como a zona splash, o acceso independente, vestiarios e aseos.

Segundo indicou Diego Calvo, a entrada será gratuíta para todo o público, co fin de compensar o feito de que nesta campaña de verán as piscinas abran de xeito parcial. O vicepresidente primeiro mostrou o convencemento de que na época estival de 2024 se poderá desfrutar da primeira fase ao completo. Isto suporá engadirlle á oferta dúas novas zonas con tobogáns, mentres que a segunda fase estará xa en execución. Cómpre salientar que esta primeira apertura estará independizada do resto da obra, que segue o seu curso de cara a rematar tamén as outras tres fases do complexo acuático. Durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas.

As obras da primeira fase do parque acuático comezaron en novembro de 2021 coa empresa Proyecon Galicia como adxudicataria. Porén, a crise de subministracións e o conseguinte encarecemento dos materiais de construción provocaron a resolución, en xuño de 2022, do contrato adxudicado e a apertura dun novo proceso, do que resultou adxudicataria a UTE formada por Ogmios Proxecto e Prace Servizos e Obras e que permitiu que agora o parque acuático de Monterrei abra as súas portas.

A finalización e posta en marcha desta primeira parte do parque acuático coincide coa adxudicación do contrato da xestión, mantemento e limpeza das piscinas de Monterrei para esta campaña de verán, que finalmente recaeu en Osventos Innovación e Servizos S.L. por un importe de máis de 120.000 euros.

Tras a inauguración da fase cero ou deportiva do Complexo Deportivo de Monterrei a inicios de 2021, cun orzamento dun millón de euros e cunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas, a ampliación da cuberta da pista de atletismo e unha nova instalación de pump track indoor, a primeira fase do parque acuático terá un orzamento global duns sete millóns de euros. O proxecto de reforma do novo complexo lúdico-deportivo de Monterrei nas súas catro fases conta cun orzamento inicial de máis de dez millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2023